DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo coa xornada de folga convocada polo Sindicato de Estudantes en secundaria

O alumnado de Ciencias Xurídicas e do Traballo une as súas voces contra o acoso escolar e en memoria de Sandra Peña

Realizaron un paro académico, unha concentración e a lectura dun manifesto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 28/10/2025

Este martes o Sindicato de Estudantes chamou á folga ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP contra o acoso e os discursos de odio e para esixir maior inversión na educación pública para a atención da saúde mental do alumnado. En solidariedade cos seus compañeiros e compañeiras do ensino secundario, a Delegación de Alumnos/as da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organizou unha xornada contra o acoso escolar e en lembranza de Sandra Peña, a rapaza sevillana vítima de bullying que se quitou a vida hai dúas semanas. 

Os actos comezaron ás 11.15 horas cun paro académico de 15 minutos, unha concentración e a lectura dun manifesto, tras o cal se abriu unha quenda de intervencións para que a comunidade universitaria puidese tomar a palabra. Ao rematar gardouse un minuto de silencio e procedeuse a colocar unha pancarta en memoria de Sandra Peña na que o alumnado pode expresar o seu rexeitamento ao bullying e ás súas tráxicas consecuencias, e que lle será enviada á familia da moza andaluza. 

“Non hai Dereito sen respecto”

A encargada de ler o manifesto foi a presidenta da Delegación, Sandra Martínez, que explicaba que a concentración deste martes non se convocou só “para recordar a Sandra Peña, senón para expresar, coa forza de toda unha comunidade universitaria, a nosa firme condena ao acoso escolar e o noso compromiso coa dignidade de cada persoa”. A través deste texto, as e os estudantes de Ciencias Xurídicas e do Traballo quixeron deixar claro que “o acoso escolar no é ‘cousas de nenos’, o acoso destrúe. Comeza con burlas, con rumores, coa exclusión, e termina deixando pegadas que poden ser irreparables”. Por iso quixeron ser “claros e contundentes” e esixiron que os centros educativos apliquen os protocolos de prevención e protección sen demora nin escusas. “Reclamamos formación, empatía e compromiso real coa saúde mental e o benestar de todos os estudantes”. Ademais, engadía o manifesto, “como futuros xuristas sabemos que a xustiza non se limita aos tribunais. A xustiza comeza na aula, nos espazos compartidos, na forma na que tratamos aos demais”. E remataron o comunicado recordando que “non hai Dereito sen respecto, nin xustiza sen compaixón, nin futuro sen memoria”.