DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

16 estudantes integran o equipo de ‘La Entrega’, presentado hoxe en Casa das Campás

Alumnado de Comunicación Audiovisual “entrégase” á creación dun 'reality show' 

A gravación desenvolverse nas rúas de Pontevedra os días 1 e 2 de decembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/11/2018

Catro persoas con vidas cotiás nun contexto de ficción onde se lles realiza un encargo. Dous equipos: os desertores, que deben atopar un paquete e entregalo sen ser vistos, nun prazo de 48 horas; e: os stalkers, coa misión de impedir que a entrega se produza, para o que empregarán as ferramentas que lles proporcionan as redes sociais e para o que contarán tamén co apoio da xente da rúa. Ese é o fío argumental de La Entrega, un reality show policial e de investigación, obra dunha vintena de estudantes de 4º curso do Grao en Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que hoxe presentaron este proxecto audiovisual, que forma parte dunha materia da titulación que están a cursar. “Todo xorde dunha idea do director Alexandre Novo, que dende hai tempo o tiña en mente polo feito de poder poñer a persoas comúns da rúa nun contexto de investigación policial. Pero ademais diso, tamén xorde do propósito de poder demostrarlle ao público o perigosas que poden chegar a ser as redes sociais, pois os stalkers van facer unha investigación sobre os desertores partindo dunha foto deles, o que vai desencadear un gran número de datos que están a disposición de calquera que estea disposto a investigar un pouquiño”, explica Fabián Gómez, estudante e produtor de La Entrega.

Fabián Gómez, xunto a Alexandre Novo e a guionista, Sara González, foron os encargados de presentar este mediodía na Casa da Campás os detalles da produción, na que ademais dos 16 estudantes, tomarán parte os actores Jacobo Lomba e Chencho Campos, que darán vida aos xefes dos desertores e os stalkers; os catro concursantes, que foron seleccionados nun cásting realizado o pasado sábado e a dobradora Maika Aguado, encargada de poñer a voz off ao reality. “Nós os tres ocupamos os postos principais de produción, dirección e guión, pero no equipo de 16 estudantes temos axudantes de produción e realización, iluminadores, redactores, decoradores, iluminadores, músicos, sonidistas, cámaras, grafistas e montadores”, detalla Fabián Gómez, que recoñece o interese do equipo no xénero, coa intención de ofrecer produtos novidosos e diferentes.

Mobilización cidadá para a gravación 

Os dias 1 e 2 de decembro terá lugar nas rúas de Pontevedra a gravación do reality show, un proceso no que as e os seus promotores agardan contar coa participación da cidadanía, “xa que cada un deles xogará un papel importante no transcurso do programa”, explica o produtor de La Entrega. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación é a principal patrocinadora do proxecto, no que a Universidade colabora prestando todo o material técnico preciso e un vehículo e no que tamén participan o centro comercial A Barca, o coworking Planeta 29, a libraría Paz, a tenda groumet O Colmado e Os novos cinemas de Pontevedra.