DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do curso de extensión universitaria Cemac 2021

Alumnado de Comunicación Audiovisual grava en Celanova unha curta “interxeracional”

Mela Casal e Iván López son os seus protagonistas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Estudantes
DUVI Ourense 19/10/2021

Conflito xeracional. Falla de motivación na xente nova. Soidade nas persoas maiores. Prexuízos sociais... Estes son algúns dos temas protagonistas da curta que esta semana grava na localidade ourensá de Celanova alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo.

A iniciativa forma parte da programación do Curso de Medios Audiovisuais (Cemac 2021) celebrado a finais de setembro no marco dos cursos de extensión universitaria do campus de Ourense e en colaboración coa Fundación Carlos Casares. En cada edición do Cemac, desde o ano 2010, lévase a cabo o Taller Audiovisual Plató de Ficción, baixo a dirección do profesor da UVigo Paulino Pérez. Nel alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra produce unha peza audiovisual de ficción, neste caso unha curta. Para facelo, as e os estudantes contan “cun orzamento e varias xornadas de rodaxe que lles permiten pór en valor os coñecementos aprendidos durante a carreira e aumentar e visibilizar o seu curriculum”.

Aarón e Milagros

A curta deste ano, explican desde a súa organización, conta a historia de Aarón, un rapaz de 20 anos, sen motivación, que abandonou os estudos e que se ve obrigado a substituír á súa nai no traballo cando esta se pon enferma. Así, terá que facer de coidador de Milagros, una muller de 70 anos viúva, adiñeirada e con problemas de mobilidade. “A diferencia xeracional servirá para colocar as sementes da súa relación de amizade/odio. Ela iralle ensinando unha serie de valores que se están a perder e el como defenderse nun mundo dixital”, indican. A peza quere ser “unha curta de ficción que relata as diferencias xeracionais entre os dous protagonistas principais” e polo tanto “pretende alcanzar públicos de todas as idades, desde xente moza ata espectadores da terceira idade, que poden verse reflectidos na historia que se narra”.

En total son 12 as e os estudantes que participan na curta, que está dirixida por Andrea Varela e que terá unha duración de entre 10 e 12 minutos. O desenvolvemento do proxecto abrangue dende xuño ata novembro de 2021, adaptándose cada etapa ás medidas anti-covid vixentes en cada momento, como son equipo técnico reducido e poucos actores e actrices. Durante os meses de maio, xuño, xullo e setembro, o alumnado participante levou a cabo a fase de pre-produción, que incluíu documentación, desenvolvemento do guión, planificación, localización e cásting. As primeiras semanas de outubro dedicáronse ao ensaio cos actores e actrices.  

Desde este luns 18 e ata o venres 22, estase a levar a cabo a gravación da curta no Concello de Celanova, concretamente na casa rural Pazo A Fábrica. A montaxe levarase a cabo nas seguintes semanas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo. Está previsto que a curta se estree no Teatro Principal de Pontevedra no mes de decembro.

Un paso máis

Dende que naceu fai doce anos o taller, explica Paulino Pérez, “a súa andaina no panorama audiovisual galego non parou de medrar, tanto na repercusión coma no tamaño e calidade das súas obras”. A presenza en medios e visionado das obras audiovisuais realizadas nel, destaca, “foi sendo cada vez maior ata conseguir hoxe en día que unha das webseries que naceu nel, Fame, fora nominada ao premio a mellor webserie galega nos Mestre Mateo 2015 da Academia Galega do Audiovisual, e recoñecida coma mellor serie en galego no Festival Carballo Interplay de webseries”. Do mesmo xeito, subliña, a webserie Interfecto, producida no 2014, foi nominada tamén nesa categoría, sendo premiada no Bilbao Webfest coa mención á mellor webserie non profesional, e a mediametraxe Vento ferido e a súa unidade didáctica de literatura galega realizada xunto coa Área de Normalización Lingüística da UVigo foi distribuída entre os institutos de educación secundaria de Galicia.

Neste contexto, comenta o director do taller, “o traballo desenvolvido polo alumnado que participa no taller realizando cada unha das obras audiovisuais logra acadar un alto recoñecemento á calidade técnica e artística, tendo como meta na edición deste ano converterse nun traballo que alcance unha maior visibilidade ao tratar un tema de carácter social cunha dimensión interxeracional”.