DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia sobre a exoneración de débedas no procedemento concursal

Alumnado de Dereito afonda na lei de ‘segundas oportunidades’

Foi ofrecida pola catedrática Ana Belén Campuzano

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Académica
DUVI Ourense 06/11/2025

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración do Obradoiro: a exoneración de débedas no procedemento concursal, unha iniciativa na que puideron achegarse ás principais características e controversias da lei de ‘segundas oportunidades’, que permite a persoas físicas cancelar total ou parcialmente débedas e saír a flote ante unha situación de imposibilidade de facerlle fronte. 

O acto estivo organizado pola Área de Dereito Mercantil da UVigo, contando co apoio do centro que o acolleu e do Consello Social da Universidade de Vigo. A dirección correu a cargo de Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil da UVigo, e Juan Manuel de los Ríos, profesor titular da mesma área. A conferencia foi ofrecida por Ana Belén Campuzano, catedrática de Dereito Mercantil da Universidad CEU San Pablo. A exoneración de débedas no procedemento concursal, detallou a relatora, “está na lexislación desde o ano 2013 pero o punto de inflexión que fixo que medraran moito os procedementos prodúcese en setembro de 2022 coa transposición dunha directiva europea”. Deste xeito, na actualidade, sinalou, “temos moitos procedementos de concurso de persoas físicas que piden exoneración de débedas”. 

Ana Belén Campuzano explicou que hai moitas cuestións controvertidas sobre o alcance desta exoneración. Entre estas cuestións citou que está que tipos de persoas poden acceder a ela, apuntando neste senso que se está intentando unificar algún criterio xudicial neste senso para dar maior seguridade xurídica. A exoneración, dixo a convidada, contémplase para persoas físicas que obran de boa fe, dándose a problemática de delimitar cando concorre ou non esa boa fe. Igualmente, Ana Belén Campuzano falou da controversia de que tipo de créditos, por moito que esa persoa física teña dificultades, non vai poder exonerar e vai ter que asumir sempre o seu pago.