DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante unha semana un grupo de estudantes realizaron prácticas neste órgano

Alumnado de Dereito completa a súa formación na Audiencia Nacional

No marco do convenio existente coa Subdelegación do Goberno en Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 01/04/2022

Ao abeiro dun convenio asinado en 2019 entre a Universidade de Vigo e a Administración Xeral do Estado, un grupo de estudantes da Facultade de Dereito do campus de Ourense estivo esta semana realizando prácticas externas na Audiencia Nacional. Tuteladas e tutelados por José Luis Castro de Antonio, maxistrado ourensá titular do Xulgado Central de Menores e Vixilancia Penitencia da Audiencia Nacional, as e os estudantes puideron achegarse, entre outras cuestións, a xuízos do ámbito competencial deste órgano, á clínica forense, á xurisdición militar e á asociación de vítimas do 11 M.

Esta estadía formou parte das prácticas externas de 135 horas que estes catro estudantes realizaron na Subdelegación do Goberno en Ourense, onde tiveron como titor a Manuel Arias, secretario da entidade e tamén profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense. Esas prácticas contaron cun programa completo de formación que lles permitiu facer tarefas como o seguimento de procedementos administrativos e coñecer todos os servizos que se realizan neste organismo estatal, que abranguen desde inmigración e traballo ata a unidade de violencia sobre a muller.