DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro estudantes realizarán prácticas durante dous meses nesta institución

Alumnado de Dereito completa a súa formación na Subdelegación do Goberno en Ourense

Ao abeiro dun convenio con Administracións Públicas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI 02/02/2018

Catro estudantes de último curso da Facultade de Dereito do campus de Ourense realizarán durante dous meses prácticas externas na Subdelegación do Goberno en Ourense. O obxectivo desta iniciativa é completar a formación deste alumnado de cara á súa futura incorporación ao mundo laboral. A iniciativa ealízase no marco dun convenio asinado en 2015 entre a Universidade de Vigo e a Secretaría de Estado de Administracións Públicas.

Estas prácticas, informan desde a Subdelgación do Goberno en Ourense, teñen como finalidade favorecer a adquisición de competencias por parte dos estudantes para o exercicio das actividades profesionais relacionadas cos seus estudos, obter unha experiencia práctica que facilite a súa inserción no mercado de traballo e mellore a súa condición de emprego futura e favorecer os valores da innovación, a creatividade e o emprendemento. Entre as tarefas que van desenvolver os estudantes beneficiarios e que se contemplan no proxecto formativo están o seguimento de procedementos administrativos en materias de competencia, realización de informes e outros cometidos de natureza homóloga vinculadas á súa formación académica.

Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense, e Manuel Arias, secretario xeral desta Subdelegación e profesor da Facultade de Dereito, recibiron ás tres alumnas e ao alumno beneficiarios. “Este convenio suporá unha experiencia enriquecedora para os estudantes no que se refire á súa preparación como futuros xuristas e traballadores sociais e para os empregados públicos que poderán compartir experiencias laborais co mundo universitario. Enriquecemento mutuo que repercutirá nun mellor servizo á cidadanía, pois seremos máis áxiles e aínda máis transparentes”, destacou Roberto Castro.