DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Roberto Castro e Manuel Arias recibiron ás catro estudantes que realizarán prácticas na institución

Alumnado de Dereito completa a súa formación na Subdelegación do Goberno en Ourense

Tamén este venres o novo subdelegado de Defensa visitou o campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 03/02/2017

Ao abeiro dun convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Secretaría de Estado de Administracións Públicas, cada curso académico alumnado da Facultade de Dereito realiza prácticas na Subdelegación do Goberno en Ourense. Este venres, Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense, e Manuel Arias, secretario xeral da Subdelegación e docente da Facultade de Dereito, recibiron ás catro alumnas do campus que, a piques de rematar os seus estudos do grao, se incorporan á institución para completar a súa formación con prácticas académicas externas por un período de dous meses.

Enriquecemento mutuo

O convenio que ampara a realización destas prácticas foi asinado o 5 de marzo de 2015 por Antonio Beteta, secretario de Estado de Administracións Públicas, e Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e acada agora a súa segunda edición. O seu obxectivo é facilitar que alumnado dos graos de Dereito e de Traballo Social do campus de Ourense poida afondar no coñecemento dos procedementos administrativos que se seguen nesta Subdelegación do Goberno e complementar os seus estudos universitarios para unha futura incorporación ao mundo laboral.

Segundo subliñou Roberto Castro durante a recepción, trátase dunha “experiencia enriquecedora para os estudantes no que se refire á súa preparación como futuros xuristas e traballadores sociais, e para os empregados públicos que poderán compartir experiencias laborais co mundo universitario. Enriquecemento mutuo que repercutirá nun mellor servizo á cidadanía, pois seremos máis áxiles e aínda máis transparentes”. Asemade, Castro amosou a súa satisfacción pola concreción deste tipo de acordos e manifestou a predisposición do goberno estatal na provincia a seguir traballando para que callen máis convenios de colaboración co mundo escolar e universitario, cintando como exemplo o caso do Campus da Auga e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Os obxectivos educativos destas prácticas son favorecer a adquisición de competencias por parte do alumnado para o exercicio das actividades profesionais relacionadas cos seus estudos; obter unha experiencia práctica que facilite a inserción no mercado de traballo e mellore a súa condición de emprego futura e favorecer os valores da innovación, a creatividade e o emprendemento. Entre as tarefas que van desenvolver as persoas beneficiarias, e que se contemplan no proxecto formativo, están a do seguimento de procedementos administrativos en materias de competencia, realización de informes e outros cometidos de natureza homóloga vinculadas á súa formación académica.

Visita do novo subdelegado de Defensa de Ourense

{smoothgallery album=11105}Por outra banda, tamén este venres o novo subdelegado de Defensa en Ourense, Gustavo Doncel, realizou a súa primeira visita oficial ao campus de Ourense, onde foi recibido polo seu vicerreitor, Virxilio Rodríguez. Durante o encontro, que tivo lugar no Edificio de Ferro, Rodríguez explicou a Doncel as principais características do campus universitario, desde as cifras de alumnado e persoal ata os títulos que se imparten nos diferentes centros existentes. Durante o encontro tamén se falou do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga e dos retos que futuro que enfronta, como a apertura do seu novo edificio. Destacando a boa relación existente entre as institucións que representan, o vicerreitor do campus e o subdelegado de Defensa amosaron o seu interese común en explorar novas vías de colaboración e levar a cabo iniciativas que redunden principalmente en beneficio da formación do alumnado universitario.