DUVI

Diario da Universidade de Vigo

34 estudantes de cuarto curso puideron coñecer de primeira man o seu funcionamento

Alumnado de Dereito visitou a prisión de Pereiro de Aguiar e o Centro de Menores Montealegre

Os participantes puideron confrontar coa realidade os coñecementos adquiridos na aula sobre estas in

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI 21/03/2017


Co obxectivo de que os futuros xuristas coñezan de primeira man o funcionamento de dúas entidades como son o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar e o Centro de Menores Montealegre, un grupo de estudantes da Facultade de Dereito do campus de Ourense achegáronse na tarde do luns, día 20 de marzo, ata as súas instalacións. A visita, que xa vén sendo unha tradición que se repite cada curso, permitiulles aproximarse á realidade de dúas entidades que teñen moita relación coa práctica xurídica.

A cita, explicou Manuel Arias, docente da Área de Dereito Penal da Universidade de Vigo e secretario xeral da subdelegación do Goberno en Ourense, consistiu “nunha saída de campo programada para coñecer os lugares de execución das penas e medidas privativas de liberdade dos adultos e dos menores que cometeron algunha infracción penal, cuxo estudo se leva a cabo nas materias Criminiloxía e Dereito Penitenciario e Dereito Penal e Procesual de Menores, que se imparten na Facultade de Dereito”. Na actividade, apuntou, participaron concretamente 34 estudantes de cuarto curso do grao de Dereito deste centro ourensán.

Acompañados polos profesores María Victoria Alvarez e o propio Manuel Arias, os estudantes foron recibidos nos respectivos centros polos responsables dos mesmos, visitando as distintas instalacións e recibindo unha información ampla do seu funcionamento e tendo ademais a oportunidade de facer as preguntas que consideraron de interese. “Estas saídas son moi valoradas polos estudantes, xa que lles permiten confrontar a realidade cos coñecementos que adquiren na Facultade de Dereito”, recalcou Manuel Arias ao regreso da visita.