DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada virtual na que interveu o experto en política comunitaria Serafín Pazos 

O alumnado de Dirección e Xestión Pública achégase ao día a día das institucións europeas

O evento buscaba resaltar as oportunidades laborais e formativas que ofrece a UE

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/03/2021

“Dise que a política doméstica é un 80% politiqueo e un 20% políticas públicas. A proporción na UE é ao revés”, sostén o analista, investigador e responsable de Política Europea da Convención Escocesa de Autoridades Locais (Cosla), Serafín Pazos, que este xoves participou nunha xornada virtual dirixida a achegar o alumnado de Dirección e Xestión Pública ao día a día nas institucións comunitarias. Coordinada polo profesor Celso Cancela, esta actividade abrangueu en primeiro termo a participación nun encontro virtual sobre oportunidades profesionais e formativas na UE da Fundación Galicia Europa, seguida dun relatorio no que Pazos Vidal incidiu no “consenso e a necesidade de atopar acordos entre actores moi diferentes” que implica o traballo diario nas institucións comunitarias.

A xornada Unión Europea = Oportunidades profesionais e formativas, que contou co patrocinio da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, buscaba complementar a formación do alumnado respecto das institucións e políticas comunitarias cun achegamento “en primeira persoa" ao traballo que se leva a cabo en Bruxelas, por parte dun experto, que foi durante unha década o coordinador do grupo de expertos en Cohesión Territorial do Consello de Municipios e Rexións de Europa e que “coñece as claves formais e informais sobre como traballar en Bruxelas”. A xornada levouse a cabo no espazo virtual no Campus Remoto da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública, sendo a primeira actividade deste tipo que acolle, de xeito virtual, o futuro centro, como salientou na súa apertura o decano comisario, Enrique Varela.

O labor de Cosla en Bruxelas

O coloquio permitiu en primeiro termo coñecer o labor que desenvolve a oficina en Bruxelas dun organismo público intermunicipal, “probablemente o máis vello que existe en Europa”, como Cosla. Como explicou Pazos Vidal, o seguimento das políticas e da lexislación da UE, “pero tamén do Consello de Europa, OCDE, Nacións Unidas...”, a formulación de propostas “e a súa negociación e intermediación” ou o apoio á participación dos líderes políticos do país en diferentes órganos constitúen algúns dos labores centrais da oficina que dirixe. “Boa parte do traballo consiste no desenvolvemento de políticas públicas ou a súa translación a nivel doméstico”, engadiu, á vez que apuntou tamén ao traballo de “asesoría técnica durante a tramitación de leis” en Escocia que afectan ao ámbito local, como a recentemente aprobada Lei de Continuidade que, tralo Brexit, “manterá a normativa escocesa en liña coa da UE no futuro”.

A saída do Reino Unido da UE supuxo nese senso cambios no labor que Colsa leva a cabo en Bruxelas, xa que “obviamente non precisamos seguir o traballo das decisións da UE no mesmo nivel de detalle que antes”. Non obstante, a Lei de Continuidade e o tratado de cooperación entre a UE e o Reino Unido fan “que boa parte das grandes políticas europeas teñan un impacto indirecto en Escocia, polo que continuamos a monitorizalas atentamente”, sinalou Pazos, que foi tamén, ata o Brexit, membro do grupo de expertos en Subsidiariedade do Comité das Rexións.

Unha descoñecida que non experta interese 

A xuízo deste analista segue a existir hoxe en día “un descoñecemento moi grande respecto do impacto real da UE nas nosas vidas”, algo que atribúe á falta de interese da cidadanía polas cuestións comunitarias. Como exemplos desta situación, alude a que mentres a “telenovela da política madrileña” protagonizaba titulares nos últimos días, “o Congreso aprobou que no futuro a UE poida crear impostos europeos que deberán pagar todos os cidadáns e non houbo debate apenas”, así como á “xénese do Plan de Recuperación”, xa que “aínda hoxe non se entende nin se quere entender para que se deben usar eses fondos”.

Bruxelas, unha opción formativa e laboral

Antes da conferencia, o alumnado participou no encontro virtual Diálogos con, impulsado pola Fundación Galicia Europa en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Dirixida a informar a mocidade sobre as oportunidades formativas e laborais que ofrece a UE, este foro contou coas intervencións de responsables da Fundación Galicia Europa e de bolseiras na oficina da fundación en Bruxelas e na Comisión Europea. “Moitas institucións ofrecen estadías, bolsas, prácticas..., opcións que moitos alumnos descoñecen, porque segue habendo esa perspectiva da UE como un coto pechado”, salientou Cancela, que incidía nas opcións laborais que para os futuros titulados e tituladas pode supor a función pública comunitaria, mentres que Pazos Vidal trasladaba ao alumnado a importancia tanto de dominar idiomas como de “esforzarse ao máximo nos estudos universitarios”, a vez que recoñecía a necesidade de “ter claro que unha carreira internacional supón moi probablemente traballar no estranxeiro toda a vida”.