DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario virtual organizado xunto co Ministerio de Política Territorial

O alumnado de Dirección e Xestión Pública achégase ás oportunidades laborais que ofrece a Administración Xeral do Estado

Clausurado polo secretario xeral de Función Pública, Javier Rueda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 19/04/2021

“Traballar no sector público é construír sociedade, contribuír a cambiar a vida das persoas”. Deste xeito definía o secretario xeral de Función Pública do Goberno central, Javier Rueda, o que implica traballar na Administración Xeral do Estado, no seminario virtual que o Ministerio de Política Territorial e Función Pública organizou este luns coa colaboración do Decanato da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública. Inserido no plan de Captación de Talento da Dirección General de Función Pública, esta actividade tiña como obxectivo amosar ao alumnado as múltiples posibilidades e ámbitos de traballo nos que é posible desenvolver unha traxectoria profesional na administración a través das experiencias de funcionarios e funcionarias de diferentes corpos.

“Do que se trata é de que o alumnado coñeza as posibilidades da administración pública actual e da que virá”, engadiu Enrique Varela, decano comisario da futura facultade, na apertura dun encontro que contou coas intervencións de Cristina Fernández, xefa da unidade de apoio á Dirección General de Función Pública; Pilar Moreno, da escala de funcionarios da administración local con habilitación de carácter nacional; Daniel Gómez, do corpo superior de inspectores da Axencia Tributaria, e Sergio Prieto, do corpo de inspectores do Soivre, o Servizo Oficial de Inspección, Vixilancia e Regulación das Exportacións.

Traballar “no que se queira e onde se queira”

Inserido nunha serie de seminarios que a Dirección General de Función Pública está a desenvolver en diferentes universidades, como o que en 2020 levou a cabo en colaboración coa Área de Emprego e Emprendemento da UVigo, esta actividade responde ao obxectivo de animar ao alumnado universitario “a que veña traballar con nós”, salientou Rueda. Como sinalou o secretario xeral na clausura deste evento, a Administración Xeral do Estado é actualmente “unha empresa envellecida” que atópase sufrindo “as consecuencias de anos nos que a oferta de emprego público foi cero”, pero tamén dun “sistema selectivo anquilosado no tempo” que, indicou, obrigará a promover “unha serie de cambios” na estratexia en materia de selección de persoal que se atopan desenvolvendo. 

“O que queremos é adaptarnos á sociedade e ao modelo educativo, sen perder os principios de igualdade, mérito e capacidade” que definen o acceso ao emprego público, salientou Rueda, que lembrou ao alumnado que converterse en persoal funcionario “require de moito esforzo”, pero tamén que “competides contra vós mesmos”. Ao mesmo tempo, puxo de relevo que a opción de traballar na Administración Xeral do Estado implica en primeiro termo “ter claro en que e onde queres traballar”, dado que permite “desde traballar en cooperación internacional ata facelo en ámbitos como a investigación e a cultura”, ao mesmo que é posible tanto “quedar en Galicia como moverse a calquera parte do mundo”. 

Coñecer e darse a coñecer

Dirixida tanto ao alumnado do grao como do máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, esta actividade buscaba formar ao alumnado respecto dunha posible saída profesional, pero tamén achegalo “ao debate actual sobre o emprego público en España”, como salientou Varela. O decano comisario puxo de relevo a importancia da “cultura da administración, que está na base dos principios dun bo servidor público”, ao tempo que lembrou que a pandemia puxo sobre a mesa a importancia que ten “unha administración ao servizo de toda a cidadanía”. Así mesmo, Varela sinalou que este tipo de iniciativas serven tanto “para que os nosos alumnos vexan as posibilidades que ten a súa carreira”, como para dar a coñecer á propia administración que “ademais das típicas titulacións para os corpos xerais do estado, existen outras como Dirección e Xestión Pública”. 

Do marco xeral a diferentes ámbitos de traballo

Cristina Fernández abriu este seminario abordando a organización do emprego público e o seu sistema de acceso, ao tempo que lembraba que, máis aló de garantir un emprego estable, este non implica “ter que estar nun lugar gris, na mesma cadeira durante moitos anos”. A función pública, subliñou, permite desenvolver unha carreira profesional, seguir formándose e ofrece “amplas posibilidades de mobilidade”, ademais de ser tamén “exemplo en políticas de conciliación, igualdade de xénero e diversidade”.

O evento completouse coas intervencións de Pilar Moreno, que presentou os perfís de traballo na administración local; Daniel Gómez, delegado da Agencia Tributaria en Pontevedra, que se centrou no traballo neste organismo; e Sergio Prieto, que abordou o funcionamento dun corpo, o de inspectores do Soivre, “con case cen anos de antigüidade”, como lembrou Varela.