DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de aprendizaxe-servizo que conectounos co labor de diferentes entidades

Alumnado de Dirección e Xestión Pública analiza os desafíos para o impulso de comunidades enerxéticas

Realizaron unha serie de ‘acazines’, que se incorporarán aos recursos dun proxecto europeo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 02/03/2026

Un proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) permitiu ao alumnado da Facultade de Dirección e Xestión Pública afondar nos desafíos que implica, tanto no eido xurídico como no da gobernanza, o impulso de comunidades enerxéticas que permitan a cidadáns, pequenas empresas ou administracións xestionar e consumir a súa propia enerxía renovable. Coordinada polos profesores Santiago Salvador e Rosa Ricoy, esta iniciativa centrouse en promover un contacto directo con diferentes colectivos, que lles achegase, explican, unha “visión práctica da realidade social” que supón a posta en marcha deste tipo de iniciativas. Con ese obxectivo, desenvolvéronse encontros con responsables das ONG Amigas da Terra e Enxeñaría sen Fronteiras, da Comunidade de Montes de Tameiga e con responsables da Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación de Pontevedra. A partir de aí, as e os participantes debían analizar “os desafíos xurídicos e de gobernanza” que implica o impulso deste tipo de entidades e reflectilos en materiais como unha serie de acazines, fanzines orientados á divulgación científica.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de ApS no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Universidade, no proxecto Un enfoque xurdídico-politolóxico cara unha transición enerxética xusta participaron máis de 40 estudantes das materias Dereito administrativo II e Gobernanza, globalización e dereitos humanos. Como explica Salvador Gimeno, tratábase de dúas materias que “tiñan conexión cunha realidade que é tan desafiante”, como é o impulso de comunidades enerxéticas, o que permitía achegar ao seu alumnado unha “visión práctica” e uns coñecementos que lles permitirán nun futuro “asesorar ou ter a iniciativa” á hora de promover comunidades enerxéticas na súa contorna.

Dos aspectos normativos á combinación de actores

Salvador e Ricoy traballan na memoria dunha actividade que arrancou no primeiro cuadrimestre conectando os contidos destas dúas materias co impulso deste tipo de entidades. No ámbito do dereito administrativo, o proxecto levou a abordar cuestións como a función de control da administración respecto daquelas actividades que poden requirir de autorizacións, licencias ou declaracións responsables, así como o papel que pode xogar no seu fomento, a través de “subvencións á formación de comunidades enerxéticas ou ao desenvolvemento de proxectos de autoconsumo colectivo”, sinala Salvador. Do mesmo xeito, este ApS buscou achegalos ás diferentes formas xurídicas que poden adoptar estas iniciativas, que “poden integrar persoas físicas, pemes, administracións...”, explorando “os novos modelos de gobernanza que supoñen as comunidades enerxéticas”, salienta Ricoy. Con esa idea, o proxecto implicou “coñecer as necesidades reais de colectivos sociais”, sinala, así como afondar en “diferentes problemáticas” relacionadas coa enerxía, “conectando o local co global”.  

Nese obxectivo insírense unha serie de encontros dirixidos a achegar ao alumnado “os principais problemas aos que se enfrontan moitos colectivos que queren impulsar comunidades enerxéticas”, apunta Salvador. Por exemplo, nun debate con representantes de Amigas de Terra e Enxeñaría sen Fronteiras abordaron que fórmulas xurídicas e combinacións de axentes “podían ser as máis idóneas”, mentres que as diferentes fases de posta en marcha de proxectos de autoconsumo foron o eixo do encontro coa Comunidade de Montes Veciñais de Tameiga (Mos). Así mesmo, as “posibles combinacións de actores públicos e privados” para o impulso destas comunidades foron abordadas nunha visita á Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación. 

Creación de ‘acazines’

“Con toda esa información, o que fixemos nunha terceira fase foi unha especie de avaliación”, engade o coordinador dun proxecto que convidaba ao alumnado a pensar “que solucións se lles ocorrían de cara a promover comunidades enerxéticas coas ferramentas xurídicas existentes”. Isto traduciuse tanto nuns “informes describindo as experiencias que tiveron e propoñendo ideas”, como na creación dunha serie de acazines. Esta iniciativa insírese á súa vez nas accións do proxecto Hypotesis You Preserve (HYP), financiado polo programa comunitario Europa Creativa e impulsado polas universidades de Vigo, Porto e a École Pratique des Hautes Études (Francia). 

Ao abeiro deste proxecto, explica Ricoy, levouse a cabo un taller sobre a creación deste tipo de materiais, co propósito de afondasen nas comunidades enerxéticas como “un modelo de apoderamento cívico”, conectándoas cun contexto no que este tipo de entidades poden constituír “unha estratexia para subverter problemas a nivel local”. Vinculado tamén cunha iniciativa de aprendizaxe baseada en proxectos na que participan tres materias do grao, esta iniciativa conectábase cunha das liñas de traballo do proxecto HYP, centrada na “creatividade verde”, en analizar a pegada ambiental dos produtos dixitais coa idea de promover unha reflexión “sobre o consumo masivo e a contaminación”, sinala esta docente. 

De feito, alén de que o proxecto poida dar lugar a novas actividades con Amigas da Terra e Enxeñaría Sen Fronteiras, outro dos seus resultados será a incorporación dalgúns dos materiais xerados polo alumnado aos recursos do proxecto HYP, centrado na historia alternativa e no que se insire a posta en marcha dunha enciclopedia dixital colaborativa.