DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de aprendizaxe-servizo, coordinado pola profesora Sara Torres

O alumnado de Dirección e Xestión Pública define propostas para conectar Zona Monumental co público xuvenil

Estudaron tanto a oferta como o grao de coñecemento sobre o Centro Comercial Urbano

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 01/12/2022

Pór en práctica diferentes metodoloxías de investigación social para coñecer o grao de coñecemento que ten a mocidade sobre o Centro Comercial Urbano Zona Monumental e achegar a esta asociación unha serie de propostas que lles axuden a chegar en maior medida a un público xuvenil. Esta é a base do proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) desenvolvido por un grupo de estudantes da Facultade de Dirección e Xestión Pública, que buscaba coñecer a percepción que tiña a mocidade do Centro Comercial Urbano. Coordinada pola profesora Sara Torres, esta iniciativa completouse coa elaboración dun informe que recollía unha serie de propostas e liñas de actuación, como o impulso de campañas en redes sociais orientadas a este colectivo.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa en aprendizaxe-servizo no marco da Axenda 2030 da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade, este proxecto foi levado a cabo por sete estudantes da materia Métodos cualitativos de investigación social, que esta semana presentaban as súas conclusións tanto os compañeiros da materia como aos responsables do Centro Comercial Urbano (CCU). Como explica Torres Outón, o propósito deste tipo de proxectos é que a adquisición por parte do alumnado de competencias relativas á materia, como sería neste caso a posta en práctica “de diferentes ferramentas e metodoloxías cualitativas”, se combine co servizo que se presta a unha determinada entidade ou colectivo. Neste caso, o de realizar unha análise que axude a Zona Monumental a chegar en maior medida á mocidade, como explica Outón, que lembra que esta iniciativa viuse precedida, o pasado curso, por outro proxecto de ApS que permitiu identificar tanto fortalezas como ámbitos de mellora no labor da asociación.

Análise e definición de propostas

Como se prestasen “un servizo de consultoría”, explica Torres, o alumnado levou a cabo un traballo de campo que implicou, en primeiro termo, unha entrevista co presidente e a xerenta do CCU, Miguel Lago e Mónica Tomé, “para detectar cales son as cuestións que desde a asociación cren que deberían potenciar máis”. A partir de aí, tiñan que realizar un labor de observación dos establecementos que forman parte do CCU, “para coñecer a súa oferta” e detectar produtos ou marcas que puidesen espertar maior interese entre a xente nova. Así mesmo, este grupo de estudantes tivo que levar a cabo unha serie de entrevistas e enquisas a mozos e mozas, dirixidas a coñecer “cal son as súas prácticas de compra e que coñecen de Zona Monumental”.

Necesidade de potenciar a presenza en redes 

Pablo Abelleira, Santiago Alborja, Paula Balvís, Ángela Barcala, Elena Cañibano, Sara Couso e Víctor Méndez son os sete estudantes responsables dun traballo que, como apunta Torres, puxo de relevo o feito de que “Zona Monumental non estaba ben posicionada nas redes sociais”. Do mesmo xeito, o seu estudo permitiu á asociación constatar aspectos como a incidencia que ten neste grupo de idade a compra por internet, así como a persistencia, como sinala Tomé, de “percepcións equivocadas, como que non ai onde aparcar”, pese o feito de que a maioría dos asociados dispoñen de tíckets de párking. “Nós xa percibiamos que non chegabamos ao público novo e eles confirmaron que Zona Monumental é máis coñecida como lugar de ocio que como lugar de compras”, engade Tomé. 

Nacida en 1989 como Asociación Área Comercial Zona Monumental, coa finalidade de contribuír á revitalización económico-comercial do casco histórico da cidade, o actual Centro Comercial Urbano, constituído como tal en 2003, agrupa preto dun centenar de establecementos dedicados ao comercio, hostalería, ocio, servizos e profesionais. Nese senso, desde este colectivo inciden en que o traballo realizado “ten gran validez para o CCU ZM, porque identificaron novas liñas de actuación, ligadas sobre todo a reforzar a nosa presenza en redes sociais”. De feito, explica Tomé, esta colaboración pon sobre a mesa “un programa de accións a deseñar” nese propósito de “achegarnos ao público novo” e “mostrar a calidade e diversidade de produtos que poñemos á súa disposición”. Neste punto, desde Zona Monumental sinalan que atópanse xa “deseñando novas campañas orientadas á poboación máis nova e por tanto enfocadas ás redes”. 

Ao mesmo tempo, desde a asociación valoran o feito de que este proxecto contribúa a facer consciente á mocidade “da importancia do comercio local para a cidade”. De feito, contribuír á sensibilización do alumnado respecto “dos efectos das súas decisións como consumidores” é, como lembra Torres, outro dos obxectivos deste proxecto. Nese senso, Zona Monumental buscará tanto contar con alumnado deste grao en prácticas o vindeiro curso como traballar conxuntamente coa docente “no deseño dunha proposta de traballo de fin de grao con metodoloxía ApS” para o vindeiro curso, que permita “desenvolver algunhas das accións e propostas” xurdidas deste proxecto.