DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo coordinado pola profesora Rosa Ricoy

O alumnado de Dirección e Xestión Pública promove coa Redeira un debate colectivo sobre problemáticas globais con repercusión local

Centrado en temáticas como a seguridade alimentaria ou os nesgos da intelixencia artificial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 16/12/2021

Como se manifesta a fenda dixital por razóns de idade e cales son as súas repercusións?; existe realmente unha verdadeira seguridade alimentaria?, ou poden as novas tecnoloxías vulnerar os noso dereitos fundamentais? Estas son tres das preguntas que un grupo de estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública buscou trasladar a un debate público, no marco dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) coordinado pola profesora Rosa Ricoy. Promovido coa colaboración de A Redeira, un proxecto auspiciado polo Concello de Pontevedra que busca “crear redes entre persoas e construír un espazo de pensamento” e reflexión a través da participación da cidadanía en actividades de múltiples formatos, esta iniciativa tiña como obxectivo pór o foco en “cuestións de relevancia a nivel internacional, temáticas que nos poden parecer moi distanciadas, pero que teñen repercusións locais”. Con ese obxectivo, o proxecto abrangueu a preparación e desenvolvemento dunha sesión de debate de carácter presencial e doutra virtual, “na que participou xente de moitos ámbitos, con diferentes coñecementos e posicionamentos”, e completarase coa elaboración dun podcast dirixido a facer balance do que esta experiencia supuxo para os 20 alumnos e alumnas participantes, tanto da modalidade presencial como virtual do grao.

Seleccionado na convocatoria de innovación educativa en ApS impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, o proxecto Gobernanza glocal: unha mirada crítica e colaborativa aos problemas globais de repercusión local insírese nas actividades da materia Gobernanza, Globalización e Dereitos Humanos. Como explica Ricoy, un dos traballos que debía realizar o alumnado era un “estudo de caso” enfocado nunha desas cuestións que define como ‘glocais’. Traballo que unha vintena de estudantes decidiron levar a cabo no marco deste ApS coa Redeira, “unha área de reflexión e discusión perfecta”, sinala Ricoy, para abordar xerar un debate que implicase a diversos colectivos, organizacións e empresas, así como á cidadanía.

“Se descoñeces un tema, non podes decidir”

Con eses obxectivos, o alumnado debía preparar e estruturar unha exposición, centrada nunha destas problemáticas globais con implicacións locais, vinculadas á súa vez cos temas aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Concretamente, levouse a cabo un encontro presencial que tivo como eixos a participación cidadá da terceira idade, “o impacto que as novas aplicacións tecnolóxicas poden ter en cuestións como a ética”, a seguridade alimentaria e o desperdicio de alimentos e a economía circular. Posteriormente, levouse a cabo un debate virtual, neste caso centrado, explica Ricoy, “nos nesgos da intelixencia artificial” e os efectos que pode ter, por exemplo, a súa introdución nos procedementos das administracións públicas ou en cuestións relativas á contratación laboral. En ambos casos, tratouse de debates abertos a toda a cidadanía, aínda que, como explica a docente, buscouse especialemnte a participación de “colectivos implicados nas temáticas”. Os dous encontros deron lugar a un "debate moi interesante”, sinala Ricoy, que a “grande participación e receptividade” destas xornadas, á vez que tamén pon o foco en como estas puxeron de relevo “a falta de coñecemento que existe de cuestións que poden ter unha incidencia grave nos nosos dereitos”.

“Se descoñeces un tema, non podes decidir”, subliñou Ricoy, que buscou con esta iniciativa promover unha “aprendizaxe experiencial” que fose máis aló dos obxectivos da materia. Deste xeito, este ApS permitiu tanto a adquisición de competencias propias da titulación, “como ter capacidade de análise e de traballo en equipo en contornas multidisciplinares”, como contribuír a que as e os estudantes “sexan máis críticos no futuro”, afondando nesta serie de cuestións, tanto a través das súas exposicións como da participación nos debates propostos polos seus compañeiros. Alén de promover unha “mirada colaborativa a problemas globais”, outro dos obxectivos da actividade foi contribuír a “fortalecer a cultura participativa” do alumnado e a súa relación con diferentes axentes locais, a través da Redeira, un proxecto que funciona como un “peto colaborativo”, no que as persoas participantes achegan o seu tempo a actividades de múltiples tipos, á vez que poden beneficiarse das achegas doutros membros. 

O momento de facer balance

Tras a realización destes debates nas últimas semanas, o proxecto atópase agora mesmo nunha fase final de “análise global”, dentro da que Ricoy proxecta a elaboración “dunha especie de podcast cos alumnos sobre as súas experiencias e o que supuxo este proxecto para eles”; así como levar a cabo unha “análise máis holística” da iniciativa, implicando tanto a estudantes e organizadoras como ao resto de participantes.