DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes mantiveron un encontro con deputadas e deputados autonómicos

O alumnado de Dirección e Xestión Pública toma asento no Parlamento

Tamén visitaron a sede do Valedor do Pobo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Visitas
  • Académica
DUVI Pontevedra 04/04/2019

Co propósito de que poidan ver sobre o terreo os conceptos sobre as funcións e o funcionamento das principais institucións autonómicas que adquiren no marco da materia Sistema político español e galego, o alumnado de Dirección e Xestión Pública visitou un ano máis o Parlamento de Galicia, onde puideron sentar nas bancadas do hemiciclo e compartir un coloquio con representantes dos catro grupos representados na cámara. Preto de 30 alumnos e alumnas participaron este xoves na visita organizada polo profesor responsable da materia, Álvaro Xosé López Mira, que se completou cun percorrido polas instalacións do Pazo do Hórreo.

Paula Prado (PPdeG), Paula Vázquez Verao (En Marea), Patricia Vilán (PSdeG) e Xosé Luis Rivas, Mini (BNG), foron as e o deputado autonómico que intercambiaron impresións no salón de plenos con este grupo de estudantes, “que se amosou moi participativo e realizoulles moitas preguntas”, recoñece López Mira. Alumnado de primeiro curso, tanto da modalidade presencial como semipresencial do grao, xunto cos tres alumnos de Xestión de Políticas Públicas da Universidade de São Paulo que nestes meses cursan a titulación que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ao abeiro do convenio de dobre titulación que manteñen a institución viguesa e a brasileira, e estudantes do Programa Universitario para Maiores no campus participaron nunha actividade que se completou cunha visita á sede do Valedor do Pobo, na que a asesora de Sanidade e Emprego Público, Nuria Palmeiro, explicou ao alumnado as funcións e ámbitos de traballo desta institución.

“Foi unha visita moi interesante, en primeiro lugar porque nos permitiu coñecer unha institución practicamente descoñecida como é o Valedor do Pobo, que serve para defender os dereitos e liberdades públicas dos cidadáns”, salienta Alejandro Virgós, un dos estudantes participantes nesta actividade, da que destaca tamén o interese por compartir conversa cos deputados e deputadas, “xa que no trato persoal non tes a mesma imaxe que se transmite a través dos medios de comunicación, que o que nos chegan son os momentos de tensión e confrontación”.