Nun seminario celebrado este mércores na biblioteca universitaria
Alumnado de Educación familiarízase co uso nas aulas de recursos didácticos dixitais musicais
Nel analizaron e discutiron proxectos desenvolvidos en diferentes etapas educativas
A Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolleu este mércores o Seminario de Recursos Didácticos Dixitais Musicais, organizado polo grupo de innovación docente DidArtes: GID Didáctica das Artes Integradas da Universidade de Vigo, contando co apoio da Vicerreitoría do campus. Nel, alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social puido familiarizarse co uso destas ferramentas en diferentes etapas educativas.
O seminario tivo como obxectivo “crear un espazo teórico-práctico para o debate sobre os recursos didácticos dixitais musicais e as súas implicacións e posibilidades educativas”. Na súa apertura da actividade participaron Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; Julia Jiménez, directora da Biblioteca Rosalía de Castro, e Lucía Casal, profesora da Área de Didáctica da Expresión Musical e coordinadora da actividade.
Do concepto á práctica
Ao longo das sesións do seminario buscouse debullar o concepto "recurso didáctico dixital" e amosar coordenadas de investigación ao seu arredor nas etapas educativas de Infantil, Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Tamén se abordaron exemplos de recursos didácticos dixitais musicais, tanto deseñados por editoriais como de elaboración propia e o alumnado tivo a oportunidade de interactuar con este tipo de ferramentas e analizar os seus potenciais didácticos, así como as súas posibilidades de mellora. Concretamente, a sesión tamén incluíu a exposición e discusión dos resultados derivados de investigacións sobre recursos dixitais musicais en tres etapas educativas: os proxectos Infanci@ Digital (Infantil), Escuel@ Digital (Primaria) e Secundari@ Digial (ESO).
Na xornada tamén se presentaron dous libros. O primeiro é La educación musical en la escuela: recursos, experiencias y prácticas innovadoras, participando os seus responsables: Antía Cores, mestra no CEIP de Arzúa; Jesús Rodríguez, profesor da Área de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Santiago de Compostela, e Maravillas Díaz, profesora xubilada da Área de Didáctica da Expresión Musical da Euskal Herriko Unibertsitatea. O segundo libro presentado foi Reflexiones desde la música. Expectativas y aplicaciones didácticas, participado tamén por Maravillas Díaz, “referente na didáctica da expresión musical en España”, tal e como destacaron desde a organización do seminario.
