DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia de Pilar Porta, responsable da aula do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol

O alumnado de Educación Infantil achégase á realidade das escolas hospitalarias

A actividade abordou tamén o proxecto de humanización artístico-pedagóxica deste espazo 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 24/10/2019

En Galicia existen un total de sete aulas hospitalarias, espazos que garanten a continuidade no proceso de aprendizaxe dos nenos e nenas hospitalizados. Achegar ao alumnado do grao en Educación Infantil á realidade das escolas hospitalarias e amosarlles os obxectivos pedagóxicos, psicolóxicos e sociais que guían a súa actuación foron dous dos obxectivos centrais da conferencia que na tarde deste xoves impartiu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a pedagoga e educadora social Pilar Porta, responsable da aula hospitalaria do hospital Arquiteto Marcide de Ferrol. 

“Ás escolas hospitalarias asisten doentes-alumnos que primeiro son doentes e logo alumnos”, salientou Porta nesta conferencia, na que puxo de relevo como esta circunstancia “fai que sexa necesario planificar un amplo abano de posibilidades de resposta educativa” para facer fonte ás necesidades de cada neno e nena, tendo en conta factores como a súa idade ou o tempo previsto de permanencia no hospital. 

Do marco xeral ás experiencias concretas

Organizada polas profesoras da Área de Didáctica da Expresión Plástica e investigadoras do grupo Remoss Cristina Varela, Begoña Paz e Iciar Ezquieta e patrocinada pola Vicerreitoría do campus, esta actividade abrangueu en primeiro termo o contexto xeral das aulas hospitalarias para logo achegar o alumnado unha serie de exemplos do traballo realizado no hospital Arquitecto Marcide. Así, Porta presentou diferentes materiais e experiencias de voluntariado interxeracional ou de proxectos realizados con alumnado de Enfermaría para pór de relevo “a importancia do traballo interdisciplinar e colaborativo nestes espazos educativos”.

A conferencia pechouse afondando nos proxectos de humanización artístico-pedagóxica levados a cabo polas coordinadoras desta actividade nos andares de atención pediátrica do hospital ferrolán. “Na nosa opinión, este tipo de humanizacións deben partir sempre dunha análise rigorosa das necesidades dos usuarios, do persoal que desenvolve o seu labor nestes espazos e dos responsables das escolas, que coñecen máis en profundidade as necesidades educativas especiais do alumnado hospitalizado”, engadiu nese senso Begoña Paz dun proxecto de ambientación artística-pedagóxica que foi pioneiro na comunidade autónoma.