DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración con varios centros educativos ourensáns

Alumnado de Educación Infantil deseña propostas didácticas interdisciplinares usando como fío condutor a música

Co obxectivo de achegar a súa formación á práctica real nas aulas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Estudantado
  • Música
  • Estudantes
DUVI Ourense 24/01/2025

Alumnado de terceiro curso do Grao en Educación Infantil, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, deseñou propostas didácticas interdisciplinares usando como fío condutor a música e destinadas a aplicar en colexios da contorna que colaboraron no proxecto.

A iniciativa desenvolveuse ao abeiro da Área de Didáctica da Expresión Musical da UVigo e xurdiu no marco da colaboración entre a materia Expresión Musical e a súa Didáctica, impartida pola profesora Lucía Casal de la Fuente, e profesorado do CEIP Curros Enríquez, o CEIP Manuel Sueiro, o CEIP Mestre Vide e o CPR Maristas, todos eles colexios próximos ao campus e que teñen a etapa de Educación Infantil.

O proxecto, que se desenvolveu ao longo do primeiro cuadrimestre e que vén de rematar, tivo o seguinte desenvolvemento. Para comezar, sinala Lucía Casal, os colexios comunicaron a través do profesorado-titor de cada aula (dende cuarto ata sexto curso de Educación Infantil, isto é, de 3 a 6 anos de idade) e de profesorado coordinador desta etapa, os centros de interese sobre os que se estaría a traballar durante o mes de decembro, co fin de que o alumnado universitario deseñase sesións sobre tales temáticas para reforzar contidos a través da música. Así, o enfoque desta iniciativa, sinalan desde a súa organización, foi usar a música como fío condutor de sesións con centros de interese tan diversos como puideron ser a auga e os acuarios (CEIP Curros Enríquez); os hortos (CEP Manuel Sueiro); o mar, o Nadal, as árbores ou a obra de Henri Matisse (CEIP Mestre Vide), e a Idade Media (CPR Maristas).

Do deseño no campus á posta en práctica nos colexios

“Repartidos os centros de interese a cada equipo de traballo universitario, deseñáronse as propostas didácticas, elaboráronse recursos necesarios para o seu desenvolvemento, practicáronse na Aula de Música da Facultade de Educación e Traballo Social co acompañamento do profesorado, introducíronse melloras e leváronse ás escolas non unha, senón dúas veces”, relata a profesora responsable. Todas as propostas contan cun breve quecemento (composto por exercicios de relaxación, respiración e fonación); o canto dalgunha canción (cando así foi posible, preferentemente popular galega) e a posta en práctica dunha proposta de movemento con desprazamento a modo de danza, todo en conexión coa temática central escollida en cada caso.

Con este proxecto, o futuro profesorado de Educación Infantil tivo a oportunidade de “levar do papel e da universidade á práctica e ás aulas reais as súas propostas, mentres que os colexios recibiron reforzo de contidos que están a tratar dunha maneira diferente e enriqueceron a súa programación con propostas didácticas deseñadas polo alumnado universitario”, sinalan desde a organización do proxecto. Polo que respecta ao estudantado universitario, Lucía Casal subliña que “estas oportunidades de contacto directo e práctica en centros antes de chegar ao cuarto curso da carreira, no que o alumnado deste grao vai facer prácticas durante seis meses aos centros, son motivadoras e alentadoras”. Igualmente subliña que estas iniciativas permítenlle ao estudantado “aprender de profesorado en exercicio, que moitas veces lles proporcionan consellos in situ para o bo desenvolvemento das sesións”. Con este obxectivo formativo, cada proposta didáctica foi executada dúas veces nos colexios participantes xa que “para tentar que as aprendizaxes se consoliden é necesario un proceso de reflexión sobre a propia práctica, e o feito de repetir as sesións favorece que para a segunda se poidan introducir propostas de mellora que florecen froito do primeiro contacto co centro”.