Nun proxecto no que crean as súas propias instalacións artísticas
Alumnado de Educación Infantil explora a combinación de arte, espazo e xogo como ferramenta pedagóxica
As súas propostas foron expostas en espazos comúns do Edificio de Ferro
Alumnado de terceiro curso do Grao en Educación Infantil, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, está a desenvolver un proxecto de creación de instalacións artísticas que combina arte, espazo e xogo como ferramentas pedagóxicas. A iniciativa forma parte da materia Obradoiro de Creatividade Artística, da profesora Sara Fuentes, da Área de Didáctica da Expresión Plástica.
Aprender de xeito interactivo
O proxecto Arte, espazo e xogo. Creación de instalacións artísticas, explica a profesora responsable, estivo inspirado na concepción do espazo como ‘terceiro mestre’ de Loris Malaguzzi e “busca deseñar experiencias sensoriais e expresivas que permitan ás nenas e nenos interactuar de maneira creativa coa súa contorna, transformando o espazo nun elemento activo no proceso de aprendizaxe". Esta foi a segunda edición da iniciativa, que xa o pasado curso académico se realizou, acadando un bos resultados que animaron ao profesorado implicado a repetir a experiencia.
Ao longo da actividade, o alumnado explora como a disposición do espazo “pode influír nas dinámicas de aprendizaxe, favorecendo a creatividade e a exploración”. As instalacións artísticas, que transforman un espazo mediante materiais e elementos diversos, serven, explica a profesora Sara Fuentes, como “un punto de encontro entre a arte contemporánea e a educación infantil, creando oportunidades únicas para que os nenos e as nenas poidan experimentar e aprender de maneira interactiva”.
Durante o proxecto, en diferentes fases as e os estudantes, repartidos en once grupos, deseñan, materializan e presentan instalacións adaptadas á etapa de Educación Infantil, integrando referentes da arte contemporánea e metodoloxías innovadoras como a aprendizaxe baseada en proxectos. A iniciativa culminou este venres coa ubicación e presentación das instalacións en espazos comúns da Facultade de Educación e Traballo Social, no Edificio de Ferro, nunha exposición grupal onde se compartiu o proceso de traballo e os resultados obtidos e as e os estudantes tiveron a oportunidade de pórse na pel de nenas e nenos e experimentar as intervencións. “Esta iniciativa busca reflexionar sobre a importancia de considerar o espazo como parte do proceso educativo e como a arte pode enriquecer as experiencias de aprendizaxe na Educación Infantil”, sinala Sara Fuentes. Por último, desde a organización da actividade destacan a boa acollida e o traballo realizado por parte do alumnado implicado.