DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traballaron arredor da sonorización das imaxes de Tono Arias

Alumnado de Educación Primaria converte en música as fotografías expostas na Sala Alterarte

O obxectivo é que o futuro profesorado aprenda a aproveitar didacticamente recursos da contorna

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Ourense 25/02/2026

Desde finais de xaneiro, a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle a exposición Do, Re, MiRa, Sol, La, Si, unha serie fotográfica realizada polo artista Tono Arias arredor da celebración da rapa das bestas na aldea galega de Sabucedo. Este mes, alumnado do Grao de Educación Primaria, da Facultade de Educación e Traballo Social, converteu en música as súas fotografía realizando unha serie de sonorización inspiradas nas imaxes expostas.

A iniciativa xurdiu no marco da materia Expresión Musical e a súa Didáctica e coa coordinación das profesoras Lucía Casal e Helena Pardo, e deu continuidade a outra actividade similar realizada anteriormente noutra exposición da Sala Alterarte, A familia e outras aves, de Javier e Jorge Varela. A proposta feita ao alumnado foi que traballasen, en grupo, os sons que a propia exposición artística lle evocase e elaborasen unha proposta de sonorización xustificada, para finalmente levala a cabo na propia Sala Alterarte. A actividade quixo amosar ao alumnado como “pór en valor os recursos da contorna, como poden ser as exposicións artísticas, para sacarlle proveito didáctico, algo que o futuro profesorado de Primaria deberá ser quen de implementar para desenvolver tanto a súa creatividade coma a do seu futuro alumnado, así como para promover a imaxinación e unha educación máis conectada cos espazos próximos”, tal e como sinalou a profesora Lucía Casal.