DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada este mércores no campus

Alumnado de Educación Social achégase ás súas saídas profesionais en diferentes sectores

Profesionais deste eido explicaron aos estudantes as súas traxectorias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 10/10/2018

O Grupo de Innovación Docente EDU-INNO da Universidade de Vigo organizou este mércores na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense a I Xornada sobre saídas profesionais e práctica profesional para Educación Social. O seu obxectivo foi, a través da participación de profesionais de diferentes ámbitos da intervención socioeducativa, informar ao alumnado sobre as diversas opcións que teñen ao rematar o Grao en Educación Social.

Os obxectivos da iniciativa, explicaron desde a organización, foron facilitar a transición universidade-mundo laboral ao alumnado dos últimos cursos do Grao en Educación Social; amosarlle as funcións desenvolvidas por distintos perfís profesionais relacionados con diversos ámbitos de intervención; informarlle sobre as competencias que máis demandan os axentes de emprego e darlle a coñecer as traxectorias laborais de distintos egresados e egresadas do propio centro.

Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, e María Dolores Dapía, responsable do grupo organizador, foron as encargadas de inaugurar a cita. “Agardamos que esta xornada contribúa a ilustrarvos nas decisións tan importantes que tendes que tomar sobre o voso futuro profesional”, destacou Mar García, amosando o seu desexo de que estas xornadas teñan continuidade en vindeiras edicións. Pola súa banda, María Dolores Dapía salientou como esta iniciativa nace da preocupación do grupo organizador por “fomentar a inserción laboral” e como está enfocada a que o alumnado coñeza principalmente de boca de egresados e egresadas do centro “como accederon ao mercado laboral, que dificultades atoparon, que postos ocupan e que funcións teñen”.   

O valor da experiencia

A sesión arrancou cunha conferencia titulada Eu non me paro!: oportunidades de desenvolvemento profesional para educadores e educadoras sociais, ofrecida por Mª Reyes Fernández, profesora asociada da Facultade de Ciencias da Educación e técnica superior en Orientación Laboral da Universidade de Vigo. Ao longo da súa intervención ofreceu ao alumnado presente unha ampla panorámica das opcións que teñen tanto no eido público e privado como no autoemprego, facendo fincapé nos recursos que teñen en todo tipo de páxinas web e na importancia tanto de ter iniciativa propia como de tecer unha rede de contactos profesionais de interese. Como claves nesta busca de emprego, Mª Reyes Fernández destacou “a importancia da planificación, a estratexia e o tempo” e de “buscar un emprego, non calquera emprego”.

Dada a amplitude das saídas profesionais do Grado en Educación Social, comentou María Dolores Dapía, "para esta primeira edición das xornadas decidiron organizar tres mesas redondas especializadas en tres áreas de intervención, como son a animación sociolaboral e a diversidade funcional; persoas maiores e emprego nas administracións públicas". En cada unha das mesas, as e os  profesionais convidados falaron tanto da súa traxectoria profesional como do traballo que realizan na actualidade no eido da educación social, facendo fincapé en cuestións de utilidade e orientación para os estudantes presentes.

A primeira das mesas, centrada na animación sociolaboral e a diversidade funcional contou coa participación de tres educadoras sociais, como son Lorena Prieto, de Down Ourense; Efi Levices, de Cogami, e Yoselyn Vázquez, de Autismo Ourense. A segunda das mesas centrouse na intervención socioeducativa con persoas maiores, contando coa participación das e dos educadores sociais Andrea Álvarez, de Afaor; Daniel Fernández, da Fundación San Rosendo, e Laura Fernández, do Centro de Día Cruz Vermella Ourense. Por último celebrouse unha mesa sobre emprego público na que deron o seu testemuño as e os educadores sociais Rosana Bernárdez, do Concello de San Cristovo de Cea; Manuel Doval, deputado provincial de Cultura, Deportes e Mocidade, e Jorge González, profesor no centro CIFP Portovello de Ourense.