DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dunha materia realizarán propostas de mellora da facultade

Alumnado de Educación Social implícase na busca de espazos máis accesibles para as persoas con diversidade visual

Este xoves participaron nun obradoiro sobre a atención a este colectivo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Ourense 22/04/2021

Alumnado de primeiro curso do Grao de Educación Social do campus de Ourense está a desenvolver este cuadrimestre un proxecto no que buscan como mellorar a accesibilidade do seu centro, a Facultade de Educación e Traballo Social, a todo tipo de colectivos. No marco desta iniciativa, este xoves participaron nun obradoiro sobre diversidade funcional visual na que tiveron a oportunidade de pórse na pel dunha persoa con esta problemática e poder así entender mellor as súas necesidades.   

O Obradoiro sobre discapacidade visual: pautas de relación e acompañamento eficaz estivo organizado no marco da materia Pedagoxía Social no que nace este proxecto e contando coa colaboración da asociación Auce e da Vicerreitoría do Campus de Ourense. A docencia correu a cargo de Leticia Viéitez, técnica de rehabilitación da ONCE de Ourense e educadora social titulada pola Universidade de Vigo. Na súa presentación, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, subliñou a importancia de que o alumnado deste centro se forme no eido da atención á diversidade. Fronte á “homoxeneización tradicional”, o responsable académico recalcou que “a educación está para pór en funcionamento as capacidades diversas das persoas e tratar de que cada persoa goce da vida colectiva, comunitaria, aproveitando ao máximo os seus recursos”. Apuntando como estamos “moi lonxe de acadar este logro”, Xosé Manuel Cid apostou por traballar conxuntamente por este obxectivo e amosou o seu desexo de facer neste caso “unha facultade máis accesible a todo o mundo”.

Coñecer e empatizar

Segundo explicou Millán Brea, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social, este proxecto de mellora da accesibilidade é un dos contemplados no marco da súa materia Pedagoxía Social, proxectos nos que se emprega unha metodoloxía de aprendizaxe-servizo co obxectivo de que o alumnado aprende competencias a través do traballo. Trátase, apuntou, dun proxecto de “repensar a facultade buscando unha accesibilidade total”. Deste xeito, detallou, as e os estudantes están a elaborar diferentes propostas, como a elaboración de pictogramas ou códigos QR con son, que  pretenden facer o centro máis accesible para diferentes colectivos. No marco desta tarefa, indicou, buscan a colaboración de diferentes entidades, como é no caso da ONCE para as propostas relacionadas coa atención á diversidade visual. Poñendo de relevo a excelente resposta do alumnado participante e a súa implicación, o docente sinala como a idea é que algunha das iniciativas froito deste proxecto se poidan implementar na facultade coa implicación do centro e as vicerreitorías do campus e de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación.  

Ao longo do obradoiro, Leticia Viéitez explicou ás e aos futuros educadores sociais o traballo que se realiza na ONCE e introduciunos na atención ás persoas con diversidade funcional visual. Así, explicoulles en que consiste un programa de rehabilitación, o traballo que realiza o equipo multidisciplinar que atende a cada persoa con esta problemática na entidade, centrándose no papel do técnico de rehabilitación. Ademais de saber como proceder en liñas xerais cunha persoa con diversidade funcional visual, a educadora social salientou a importancia de que as e os futuros educadores sociais empaticen con este colectivo, que se conciencien e se sensibilicen coas súas necesidades. Co obxectivo de acadar esta empatía, ao longo do obradoiro desenvolvido este xoves, as e os estudantes puidéronse pór na pel de persoas con diversidade funcional visual empregando bastóns, camiñando con gafas ou antefaces que lles impedían a visión completa e realizando diferentes exercicios neste senso.