DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foron premiados pola súa curta arredor da obra de Xela Arias 'Amor de Nai'

Alumnado de Educación e Traballo Social recolle un dos galardóns do I Festival de Cine Escolar

O acto celebrouse na Universidad de Zaragoza

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Lingua Galega
  • Estudantes
DUVI Ourense 11/03/2022

Este xoves pola tarde, alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense recolleu no I Festival de Cine Escolar que organiza a Facultad de Educación da Universidad de Zaragoza o 2º Premio á Mellor Curtametraxe Nacional na Categoría de Facultades de Educación pola súa obra Amor de Nai. A peza é froito do traballo realizado no centro o pasado curso académico arredor da obra de Xela Arias, escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021.

A curta galardoada foi feita polas alumnas e alumnos do campus de Ourense Iria Rodríguez, Adrián Rodríguez, Daniel Sampayo, Víctor Seara e Fernando Toja “a partir da reinterpretación persoal de tres poemas de Xela Arias”, concretamente poemas dos libros Darío a Diario, Intenpériome e Denuncia do equilibrio. Elas e eles foron os encargados de realizar todo o proceso da obra, desde o guión e gravación ata a actuación e edición. A súa temática céntrase na dor que causa un embarazo que non sae adiante. Ademais desta curta, quedaron finalistas no I Festival de Cine Escolar as pezas realizadas tamén na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Conxélame destino; Meus doces cantares e Xela Arias. O poema somos nós.

Ao acto de recollida de galardóns e á programación organizada ao redor del asistiron a e os estudantes Iria Rodríguez, Víctor Seara e Fernando Toja acompañados por Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, e polo profesor deste centro Xavier Blanco Sierra. Ela e eles recolleron o premio amosando o seu agradecemento por este recoñecemento e salientando a satisfacción que supón ver o traballo realizado por alumnado nas aulas recoñecido fóra delas, especialmente por tratarse dunha obra feita en lingua galega e por unha escritora que no seu momento destacou polo seu carácter rupturista.

O I Festival de Cine Escolar, explican desde a súa organización, “é unha nova iniciativa de innovación pedagóxica” cuxo “obxectivo non é outro que o de recoñecer, pór en valor e facer difusión dos mellores traballos audiovisuais de Primaria e Secundaria seleccionados por festivais escolares de cinema nacionais, xunto ás mellores pezas procedentes das facultades de educación do estado, así como promover a utilización do cinema como ferramenta e recurso didáctico entre o alumnado de todos os centros e certames participantes”.