DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro recibiu a visita do director de Xera, Ignacio Lema, e do delegado territorial Luis López

O alumnado da EE Forestal amplía a súa formación cun simulador de realidade virtual cedido pola Xunta

Recrea o funcionamento dunha procesadora e un autocargador

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 04/03/2021

No marco da súa formación práctica na materia Aproveitamentos forestais, o alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal poderá iniciarse no manexo dunha procesadora e dun autocargador grazas ao simulador de realidade virtual que a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) da Xunta de Galicia cedeu temporalmente ao centro. Tanto o director de Xera, Ignacio Lema, como o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitaron este xoves a escola para participar na presentación deste equipo, que será empregado tamén para traballos de investigación.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o director e subdirectora da EE Forestal, Juan Picos e Ángeles Cancela, participaron, xunto co profesor responsable da materia, o catedrático Luis Ortiz, o técnico Antonio Vázquez e a directora de Innovación de Xera, Montserrat Rodríguez, na presentación deste simulador, a cargo do responsable de formación da empresa Guifor, John García. “Permítenos que o alumnado se familiarice coa maquinaria”, salientou Picos, que destacou o positivo desta colaboración de Xera á hora de ampliar a formación do alumnado, que posteriormente observará tamén o traballo real destas máquinas nas súas saídas de campo. 

Adquirido por Xera nun concurso público, o simulador recrea, tanto nunha pantalla como nuns lentes de realidade virtual, o funcionamento dunha procesadora John Deere co seu mesmo cadro de mandos, proporcionando información da cantidade, o diámetro e a lonxitude da madeira cortada, así como “da produción por hora, do gasto do combustible ou das posibles avarías que se puideran ter xerado”, explicou Picos. Nese senso, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, explicou que a adquisición destes equipos insírense nunha estratexia de formación, polas que son cedidos temporalmente a asociacións do sector ou centros formativos, xa que permiten “acurtar o tempo de adestramento” dos futuros operarios no manexo dunha maquinaria “altamente produtiva” e que ademais contribúen á reducir a sinistralidade nos montes. 

Ao mesmo tempo, esta colaboración da Xunta contribúe tamén que o campus “poida estar a vangarda no eido da tecnoloxía e a innovación”, como salientou o vicerreitor do campus. Jorge Soto destacou así mesmo que a presenza tanto de Lema como de López, amosa “a atención por parte da administración ao que facemos neste campus”.

Formar e investigar

Se ben noutros centros formativos este simulador empregaríase fundamentalmente, como apuntou Picos, para avanzar o máximo posible no manexo desta maquinaria, no caso da EE Forestal a idea é que sirva para ter “unha visión un pouco máis ampla” que, ademais de familiarizar aos estudantes coa tecnoloxía, permita “que empecen a preguntarse cal é a aplicación da dixitalización e destas contornas de visualización noutras áreas do sector forestal”. Do mesmo xeito, o obxectivo é que, máis aló do seu uso formativo, esta cesión poida aproveitarse en traballos de investigación, dado que o simulador proporciona información dunha serie de “parámetros moi importantes para tomar decisións nas obras forestais”. Nese senso, Picos sinalou as posibilidades que achega á hora de investigar como varía o rendemento dunha procesadora “simulando distintas quendas de traballo sen necesidade de ter unha máquina parada no monte”. O director da EE Forestal apuntou así mesmo á posibilidade de explorar como conectar esta tecnoloxía con estudos que se realizan na escola, como por exemplo os traballos de “dixitalización directa do monte” que leva a cabo a profesora Julia Armesto. “Familiarizarte con este tipo de ferramentas o que fai é disparar a capacidade de innovar e facerte preguntas”, concluíu.

Primeira visita ao campus do novo delegado territorial

Esta presentación completouse cun percorrido polas instalacións da EE Forestal, na que foi a primeira visita ao campus do novo delegado territorial da Xunta. “Unha das primeiras cousas que quería coñecer unha vez nomeado era o campus de Pontevedra”, salientou López, que valorou ademais que esta primeira visita lle permitise achegarse á formación nun sector, o forestal, “no que Galicia ten un potencial moi grande”.