DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con actividades deportivas, lúdicas ou gastronómicas que darán a coñecer as aplicacións da enxeñaría

O alumnado da EE Industrial recupera a celebración do seu patrón como unha alternativa a San Pepe

A I Revolución Industrial’Es terá actos do 25 ao 27 deste mes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Música
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 18/03/2019

Un xeito diferente de percibir a enxeñaría e as súas aplicacións e, ao tempo, unha alternativa á celebración do patrón da Escola de Enxeñaría Industrial que, nos últimos anos, se tiña convertido non multitudinario botellón. Estes son os dous piares fundamentais da I Revolución Industrial’Es, unha proposta da Delegación de Alumnos da EEI coa que queren recuperar a festividade do seu patrón, “integrando todos os sectores que coexisten na escola nun mesmo lugar e cuns mesmos intereses”, como explican os representantes do estudantado. Entre o vindeiro luns 25 e o mércores 27, as dúas sedes da escola acollerán actividades como unha filloada, actuacións musicais, torneos deportivos ou o concurso para deseñar un emblema para o centro. 

Neste empeño por deixar atrás a celebración do San Pepe, no que participaban moitas persoas alleas á comunidade universitaria e que carecía de ningún programa de actividades, a delegación de alumnado conta co apoio da Reitoría, que porá en marcha varias medidas para evitar o botellón na praza Miralles.

Recuperar o patrón para a escola e para enxeñaría 

Esta “pequena revolución industrial” pretende ofrecer a todos os colectivos do centro unha opción diferente de festexar o patrón, “recuperando a celebración” e integrando a todos os sectores arredor dunha proposta compartida, distendida e lúdica cun ambiente “inclusivo, solidario e diferente”. Todo isto estará dotado de contidos, xa a que as actividades tratarán de dar a coñecer algunhas das aplicacións menos coñecidas da enxeñaría xa que, como subliñan os membros da Delegación de Alumnado, “estamos rodeados de enxeñaría e non nos damos conta, por iso cremos que esta percepción debe cambiar”.

Todas as actividades teñen unha estreita relación co ámbito da enxeñaría: por exemplo a actuación de Cé Orquestra Pantasma, que deseñou un sistema de poleas e mecanismos para que unha persoa soa poida facer uso de múltiples instrumentos ou unha máquina ou unha “obra de enxeñaría” que consigue servir 1200 filloas por cada hora “grazas á perfecta simbiose de innovación e tradición”. Estas actividades terán lugar o luns 25 a partir das 10.30 na sede campus.

Solidaria e responsable

Outra vertente desta festa é a solidaria, para o que estas actividades se vincularán ao proxecto da Axenda 2030 e aos seus 17 Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible. Así, as entradas que se lle facilitarán ás persoas asistentes serán a través da doazón de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos. Por outra banda, o alumnado conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade, para que estes eventos se desenvolvan dun xeito inclusivo e sen dar cabida a posibles discriminacións de ningunha índole, e coa cooperación da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, que organizará dúas pausas saudables, para a integración dos bos hábitos na nosa comunidade, que serán o martes ás 12.00 e ás 17.00 horas na sede cidade. O programa complétase cun torneo de xadrez que arranca o luns 25 e remata o mércores 27 e varios partidos de balón prisioneiro o martes pola mañá e pola tarde.

Finalmente, o mércores 27 tras o acto oficial do patrón do centro na sede de Torrecedeira, ás 13.30 horas procederase á entrega de premios do trofeo de xadrez e á presentación do deseño gañador do concurso para atopar un emblema para a EEI.