DUVI

Diario da Universidade de Vigo

San Pepe 2021 chega cunha semana de actividades virtuais entre o 11 e o 18 de marzo

O alumnado da EEI non renuncia a celebrar o seu patrón e propón unha Re-Evolución Industrial

Ademais de obradoiros, torneos e actividades solidarias, recuperan os Premios Laranxa

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 09/03/2021

O curso pasado a irrupción da pandemia da covid-19 levouse por diante a celebración máis senlleira da Escola de Enxeñería Industrial, o seu patrón, San Xosé. Pero este ano o alumnado non quixo quedar de brazos cruzados e, en lugar de resignarse, deseñaron un amplo programa de actividades, entre o 11 e o 18 de marzo. Adaptado á situación sanitaria, este San Pepe 2021 comprenderá torneos de tenis, xadrez e League of Legends, obradoiros, charlas, unha sesión DJ virtual, reparto de froita e o regreso dos Premios Laranxa ao mérito docente. 

Detrás desta programación hai un equipo de 24 estudantes voluntarios da Delegación de Alumnos da Escola de Enxeñaría Industrial que traballaron arreo co apoio do Consello Social da UVigo para deseñar unha Re-Evolución Industrial que evite que “a covid-19 paralice o noso patrón”. Recoñecen que por mor da crise sanitaria “a alegría das persoas está baixo mínimos” e, por iso, “queremos dar un xiro de 180º a esta situación, queremos que a comunidade universitaria desconecte por uns intres do que estamos a vivir” .
Ademais, consideran que este é “o momento idóneo para reorientar as festas do noso patrón e reconvertelas no que realmente son: uns días de celebración nos que facer comunidade, ver en perspectiva o que somos e desfrutar xuntos dun xeito sostible”, algo que vai moito máis aló dun simple “botellón”, recalcan. De feito, dende a Delegación puntualizan que todos os eventos deseñados para esta semana teñen a súa finalidade, “dende unha parte formativa de competencias transversais da enxeñaría, pasando polos deportes e chegando á nosa primeira edición dos premios ao mérito docente, cos que queremos por en valor o gran traballo de adaptación que fixo o noso PAS e PDI”.

Obradoiros e conferencias para espallar a enxeñaría

A programación da Re-Evolución Industrial comeza este xoves 11 de marzo, cando arranca a liga de tenis da Escola de Enxeñería Industrial, que se desenvolverá entre marzo e abril na pista de Torrecedeira. Tamén haberá un torneo de xadrez, cuxa fase clasificatoria será entre sábado e luns e outro de League of Legends, que arrancará o mesmo luns.

A programación comprende tamén unha serie de talleres e charlas. O venres 12 terán lugar obradoiros virtuais sobre E-textis, unha “iniciación ao uso de placas rogramables utilizando Playground Express no que cada grupo participante poderá deseñar e construír o seu propio wearable, demostrando a súa creatividade”. Haberá dúas, sesións, unha ás 11.00h da mañá para o alumnado da sede campus e outra ás 17.00 horas para os da sede cidade.

Xa co inicio da próxima semana arrancarán as charlas divulgativas en liña co obxectivo de que a comunidade universitaria coñeza en primeira persoa a gran variedade de áreas da enxeñaría e que o alumnado coñeza a egresados que emprenderon un proxecto ou unha empresa con éxito. Así, o luns ás 10.00 h será Laura Costas quen analizará as posibilidades de futuro laboral tras rematar o grao. O martes será a quenda de Daniel Prieto, cun relatorio titulado Desde la EEI hacia la digitalización de las empresas ás 11.00 h. O mércores Óscar Abelairas e Ana Otero pecharán os relatorios ás 17.00 h falando sobre o coche do futuro dende a súa experiencia en BorgWarner. Todas as intervencións serán a través de Campus Remoto.

Saúde e solidariedade

Outra das propostas da Delegación de Alumnado da EEI para San Pepe 2021 é unha iniciativa centrada na saúde da comunidade universitaria. Ao longo da xornada do mércores 17 nas dúas sedes da escola e en colaboración con Frutas Nieves procederase ao reparto de 450 pezas de froita para “fomentar así un estilo de vida saudable”. Paralelamente, realizarase ao longo destes días e tamén nas dúas sedes unha recollida de alimentos. “Cada ano enmarcamos unha iniciativa solidaria dentro das nosas festividades e, este ano, froito da situación de vulnerabilidade na que se atopan unha gran cantidade de persoas da nosa contorna, decidimos colaborar co Banco de Alimentos de Vigo”. 

O xoves 18, fin de festa

A xoves 18 será cando a Delegación do Alumnado decidiu centralizar os actos. Ás 10.00 horas serán as semifinais e final xadrez e ás 12.00 h as semifinais e final do torneo de League of Legends. Xa pola tarde, ás 17.30 será a gala de entrega dos Premios Laranxa ao mérito docente, unha iniciativa que o alumnado recupera tras anos esquecida. “Decidimos que había que buscar a forma de recoñecer o mérito dos docentes que traballaron como nunca antes para poder sacar o curso adiante” e para iso nomearanse a 20 PDI e 3 PAS e serán os estudantes cos seus votos os que decidan os cinco PDI e un PAS premiados nun total de seis categorías.

Ás 22.00 horas comezará a sesión animación e DJ virtual coa que se baixará o pano da edición máis especial do San Pepe.