DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha sesión ofrecida polo Gabinete Psicopedagóxico do campus

Alumnado de Empresariais e Turismo aprende a xestionar o estrés ante a chegada dos exames

Afondaron en temas como as técnicas de relaxación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 19/05/2021

Unha nova xeira de exames está a piques de comezar e co obxectivo de axudar ao seu alumnado a afrontalos do mellor xeito posible, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebrou este mércores un obradoiro de xestión do estrés impartido polo Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense. Nel, as e os estudantes puideron achegarse a algunhas das técnicas que lles poden permitir alixeirar a súa carga de tensión, desde técnicas de relaxación ata controlar o uso de pantallas móbiles.  

A actividade xurdiu por iniciativa da facultade ourensá, interesada en contribuír, tendo en conta que época de exames que se achega e dada a situación excepcional provocada pola pandemia, a minguar os niveis de estrés que puidese ter o seu alumnado. Segundo explica o equipo decanal do centro, neste contexto “pareceunos unha boa idea probar cunha sesión de xestión do estrés”. O  obradoiro foi impartido por Verónica Mariño, psicóloga educativa e técnica do Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense.

Técnicas e tempo

A sesión tivo como obxectivo, segundo indicou Verónica Mariño, “proporcionar ao alumnado estratexias sobre hábitos saudables en época de exames”. Estas estratexias abrangueron aspectos como coidar a alimentación e o sono, “pois aínda que haxa que estudar é importante descansar e alimentarse ben”, e organizar axeitadamente o tempo, incidindo na relevancia de decidir que tarefas son máis importantes para facelas primeiro. Na súa intervención, a psicóloga tamén subliñou a necesidade de reducir o uso das pantallas, como tabletas e teléfonos móbil, “pois están influíndo moito na xestión do tempo dos estudantes e non se dan conta diso”. Neste senso, apuntou que algúns dos erros máis habituais que comete o alumnado á hora de xestionar o seu tempo son “non distribuír ben a orde de tarefas”, non saber dicir que non ás actividades de ocio e a atención excesiva ao teléfono móbil.

Incidindo na aplicación práctica dos temas abordados, durante a sesión o alumnado presente achegouse ás técnicas de relaxación, concretamente á visualización, á respiración profunda e á relaxación muscular de Jakobson. Así, as e os estudantes puideron pór en práctica a técnica de visualización, consistente en concentrarse nun recordo que implique a maior cantidade posible de sentidos, como lembrar un paseo pola praia, partindo da premisa de que “está demostrado que cantos máis sentidos implicamos nun recordo precisamos empregar máis recursos cognitivos, o que dificulta que ao mesmo tempo poidamos estar pensando noutras cousas que resulten estresantes”. Tamén se abordou na sesión a relaxación muscular de Jakobson, na que se traballan os diferentes grupos musculares do corpo a través da tensión e distensión.