DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde hoxe e ata o venres medio centro de firmas danse cita no campus vigués

Alumnado e empresas do ámbito das enxeñerías reencóntranse na 22ª edición do Foro Tecnolóxico de Emprego

Celébrase en formato presencial e virtual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 09/03/2022

Coa participación de preto de medio cento de empresas e asociacións e cunha combinación dos formatos presencial e virtual, este mediodía botou a andar a vixésimo segunda edición do Foro Tecnolóxico de Emprego. Ata o venres 11 de marzo as escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación acollerán os postos das empresas e asociacións participantes, así como as conferencias e workshops que se desenvolverán ao longo desta edición, na que, á organización liderada por unha vintena de estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo, se sumaron por vez primeira delegacións de alumnado das escolas de enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Informática, de Ourense, e Enxeñaría Forestal, de Pontevedra.

Co obxectivo de facilitar o achegamento laboral dos futuros titulados e tituladas do ámbito das enxeñarías ás empresas e asociacións do sector, no Foro Tecnolóxico repiten este ano presenza firmas como Deloitte, Cortizo, Borgwarner, Repsol, Norvento Enerxía, PWC, Grupo Nueva Pescanova, ao tempo que se incorporan outras novas como a empresa holandesa T Talent, Huawei, Teltek, EFIMOB, DataSpartan, así como atlanTTic, o Centro de  Investigación en Teconoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Tanto ás empresas, como ao alumnado organizador do evento agradeceu a súa presenza e traballo o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que no acto de inauguración do Foro, celebrado este mediodía na EE de Minas e Enerxía, reivindicou a participación da Universidade de Vigo nunha sociedade mellor, na que cómpre enfrontar retos como o demográfico, a reindustrialización e a igualdade. “A UVigo ten moito que dicir porque a formación dos nosos egresados é moi boa, segundo os empregadores”, sinalou Reigosa, que destacou o traballo da institución por acadar a igualdade real, unha meta que lle pediu ás tituladas e titulados que o adopten como un ideal. O reitor incidiu na súa intervención na importancia que os fondos Next Generation terán para o futuro de Galicia, ao tempo que reivindicou a importancia da colaboración público-privada, a reindustrialización e a formación, incluída a que se imparte a través da Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo cunha oferta de cursos de diferente duración, dependendo das necesidades da sociedade.

Reivindicación da tecnoloxía e a dunha maior presencia feminina

No acto de inauguración do Foro, celebrado este mediodía, as e os participantes coincidiron en reivindicar o papel da tecnoloxía na sociedade actual, máxime en tempos de pandemia, así como unha maior presenza das mulleres neste ámbito. A coordinadora xeral desta edición do Foro, Ivana Ogando, alumna de cuarto curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, tras agradecer a participación das empresas e a colaboración de novas delegacións de alumnado, lembrou as dificultades vividas durante a pandemia, que condicionaron tamén o desenvolvemento do evento o pasado ano, e a importancia que a tecnoloxía tivo nese momento para paliar os efectos da covid. O director da EE de Industrial, Juan Pardo, destacou que o desenvolvemento tecnolóxico e científico permitiu enfrontar mellor a pandemia, ao tempo que alertou da existencia dunha fenda tecnolóxica que fai que “non poidamos atender todas as demandas de emprego que recibimos e ante a que debemos ser quen de conciliar os perfís profesionais coa demanda do mercado”. Pola súa banda, a directora da EE de Minas e Enerxía, Elena Alonso, tras destacar que o valor do Foro Tecnolóxico vai máis aló do seu lema, fomentando a empregabilidade, pero tamén facendo visible a formación dos profesionais, insistiu en que “cómpre traballar para incorporar máis mulleres ás titulacións do ámbito das enxeñarías”, onde unicamente acadan un 23% da representación total. Mentres, a subdirectora de Difusión e Captación da EE de Telecomunicación, Laura Docio, gabou o traballo que realiza o Foro para visibilizar o traballo das escolas, ao tempo que sinalou que os empregos do futuro “precisarán de enxeñeiros e perfís tecnolóxicos”.

A directora xeral de dirección e colocación da Xunta de Galicia, Zeltia Lado, destacou na súa intervención o importante momento que se está a vivir para o desenvolvemento de Galicia, no que a transición verde e dixital impoñen un novo paradigma económico. Para Lado “o modo de traballar está mudando e cómpre impulsar iniciativas como este Foro para buscar máis empregabilidade, competitividade, resiliencia e mellorar o emparellamento entre a oferta e a demanda”.

 As actividades da 22ª edición do Foro Tecnolóxico continuarán ata do vindeiro venres, cando terá lugar ás 13.00 horas o acto de clausura, no que participará o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo,  David Regades.