DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas diferentes actividades de formación transversal que a escola acolle ao longo desta semana

O alumnado en Enfermaría fórmase en detección de violencia machista e xestión do estrés

Coñeceron tamén as experiencias de profesionais que traballan no ámbito da cooperación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/03/2022

Achegar ao alumnado as experiencias de diferentes profesionais de enfermaría que levan a cabo o seu labor en ONG, dotarlles de ferramentas para un mellor manexo de situacións de estrés e trasladarlles unha serie de estratexias para a detección de posibles casos de violencia machista no ámbito sanitario. Isto é o que achegan ao alumnado da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, centro adscrito á UVigo, as diferentes actividades de formación transversal que o centro dependente da Deputación de Pontevedra acolle ao longo desta semana. 

“Trátase de complementos formativos transversais e necesarios”, sinala a subdirectora, Paz Diéguez, desta serie de actividades independentes que conflúen no presente curso nunha mesma semana. Así, a escola acolleu este luns a xornada Enfermaría e ONG, que tiña como obxectivo achegar ao alumnado “experiencias de xestión enfermeira no ámbito social”, mentres que este mércores ten lugar un taller sobre manexo de estrés, que a escola promove por primeira vez. Por último, mañá xoves desenvolverase o curso Atención ás mulleres en situación de violencia de xénero, organizado pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), do Sergas.

Experiencias de cooperación en primeira persoa

Co obxectivo, como salienta Diéguez, tanto de “sementar a solidariedade como un sentimento que hai que xerar nos enfermeiros e enfermeiras, que estamos para axudar as persoas, para coidalas en todos os ámbitos”, pero tamén de amosar ao alumnado “unha saída profesional que descoñecen” no ámbito da cooperación, a escola acolleu este luns a xornada Enfermaría e ONG. Nela, a enfermeira experta en cooperación internacional Nieves Márquez protagonizou un coloquio centrado na “xestión e coordinación de ONGD” e no “enfoque de dereitos humanos nos coidados de enfermaría”, no que tamén achegou unha serie de recursos en materia de voluntariado. A continuación, a responsable de saúde da ONG Salud Entre Culturas, a enfermeira e antropóloga Cristina Arcas achegou ás e aos asistentes a experiencia desta organización, integrada no Hospital Ramón y Cajal de Madrid, nos ámbitos do “mapeo de necesidades sociosanitarias, enfermidades desatendidas e intervención sanitaria con poboación migrante”. Por último, a xornada contou tamén coa intervención de Mbaye Gil Sánchez, enfermeiro no Hospital Universitario de Basurto, activista e fundador da ONG Sunu Gaal, quen “compartiu a súa experiencia migratoria en primeira persoa, así como o proceso para a constitución de organizacións non gobernamentais”, destacan desde a escola. 

Resposta a unha demanda do alumnado

Na tarde deste mércores, o centro acolle a primeira edición dun taller sobre o manexo do estrés que, como explica a subdirectora, “era unha das accións que o alumnado pedía a través do Plan de Acción Titorial”. Orientado a estudantes de segundo curso, “que empezaron este ano coas prácticas” e coordinado por Diéguez, este taller conta coa participación como docentes da enfermeira interna residente especialista en saúde mental Claudia Gonzalez e das especialistas en enfermaría xinecolóxica e obstétrica Irene Garay e Loli Rodríguez. O obxectivo deste encontro, explican desde o centro, é “promover hábitos para unha mente saudable entre o alumnado”, con recomendacións sobre como aprender a “controlar o estrés desde un punto de vista físico, cognitivo e relacional”, complementándose esta formación coa realización dunha serie de exercicios prácticos baseados en técnicas de relaxación. 

Detección da violencia machista

Orientado a estudantado de último curso e dirixido a dotalos “dunha competencia que se lle esixe ao profesional que vai traballar no Sergas”, a escola acolle na tarde do xoves un taller sobre atención a mulleres en situación de violencia de xénero, impartido pola enfermeira da área sanitaria de Vigo María Teresa Carabuig. Achegar ao alumnado coñecementos sobre violencia, xénero e saúde e dotarlles de ferramentas para a identificación de situacións de violencia machista no ámbito sanitario son os obxectivos dun curso no que, como explican desde a escola, Carabuig “desmontará mitos, analizará estereotipos comúns e comportamentos machistas socialmente aceptados e normalizados, que se constrúen desde o xénero que son a base para as desigualdades”.