DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun curso promovido pola Deputación e impartido pola asociación Apaioga

O alumnado de Enfermaría fórmase en igualdade para avaliar a realidade desde unha perspectiva de xénero

Abordaranse aspectos como o sistema sexo-xénero, os estereotipos ou a violencia machista

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/10/2019

Achegar ás alumnas e alumnos da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, centro adscrito á Universidade de Vigo, unha formación inicial respecto do que significa o sistema sexo-xénero, sobre a discriminación das mulleres como un fenómeno estrutural, sobre a violencia machista ou sobre os roles e estereotipos de xénero. Eses son os obxectivos do Curso básico de igualdade entre mulleres e homes e perspectiva de xénero, que a escola organiza coa Deputación de Pontevedra e que desde este martes imparte no centro a presidenta da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades de Galicia (Apaioga), Mercedes Renda. 

“Vivimos nunha sociedade na que hai homes e mulleres e na que ata agora só se vía o mundo desde unha perspectiva masculina”, apunta Renda, que sinala que o punto de partida deste módulo dirixido ao alumnado de primeiro curso é precisamente contribuír a que incorporen esa perspectiva de xénero, a que observen “como a mesma realidade pode afectar de forma diferente a homes e mulleres”. Estruturado en catro sesións de dúas horas, trátase nese senso dun “módulo de iniciación, de formación básica, de sensibilización case”, explicou Renda, que este martes estivo acompañada na apertura do curso pola deputada provincial Noemí Outeda, a subdirectora da Escola de Enfermaría, Paz Diéguez, e a profesora de Psicoloxía e responsable de igualdade do centro, Dora Romero. “Cada ano facemos en primeiro curso unha serie de actividades que intentan que realmente vos sensibilicedes con este tema”, explicou Diéguez ao alumnado dunha iniciativa que se verá sucedida en novembro por un obradoiro sobre diversidade sexual co obxectivo de facer da sensibilización en materia de igualdade parte da “identidade da escola”, como engadiu Romero. “Considero que vós, que no futuro seredes profesionais da enfermaría tedes que ter unha formación específica en igualdade”, engadiu Outeda, deputada delegada da escola, quen puxo o acento na importancia da “incorporación da perspectiva de xénero á práctica profesional da enfermaría”.

Unha análise que incorpora o ciberacoso

A terceira edición deste curso, que se desenvolverá nas xornadas do martes ao longo deste mes de outubro, arrincou coa abordaxe de “conceptos básicos”, como igualdade, sexo e xénero, así como sobre a construción da feminidade e a masculinidade, explica Renda. A partires de aí, a segunda xornada buscará “traballar con eses conceptos, ver ata que punto os temos interiorizados”, abordando diferentes estereotipos ou prexuízos e levando tamén esta análise a “aspectos concretos desta profesión, como por exemplo, a fenda salarial, que aínda que coñecemos os datos, temos interiorizado que non é algo real, que son casos illados”, denuncia Renda.

A violencia machista será o eixo da terceira sesión do curso, na que a responsable de Apaioga abordará os diferentes tipos de violencias contra as mulleres co propósito de que as e os asistentes poidan no día de mañá detectalas tanto na súa contorna persoal como no seu labor profesional. Dando continuidade a esta temática, o curso incorpora nesta edición unha cuarta sesión, centrada nas “novas formas de violencia” vinculadas ao uso das novas tecnoloxías e as redes sociais, como o ciberacoso, que, como explica Renda, constitúen realmente “novos métodos de exercer as violencias de sempre” e que son ademais unha das tipoloxías “que máis afectan a este colectivo de idade”.