DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un libro recolle os 23 traballos da 15 edición do Congreso de Traballos Colaborativos

O alumnado de Enxeñaría Industrial une os seus coñecementos na loita contra a covid-19

Presentaron proxectos sobre desinfección, xestión de espazos, ventilación de aulas ou transporte

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 20/01/2021

O Congreso de Traballos Colaborativos converteuse nos últimos anos nunha cita tradicional para o alumnado das diferentes especialidades da Escola de Enxeñaría Industrial na que amosar os resultados dos seus proxectos conxuntos. Pero este curso, a pandemia da covid-19 tamén afectou a esta iniciativa que acada a súa décimo quinta edición. Con todo, os docentes organizadores (José Antonio Alonso Rodríguez, José Luis González Cespón e Lucía Díaz Vilariño) apostaron por proseguir co congreso pero tamén decidiron recoller os traballos do alumnado nun libro que se acaba de editar. Como explican os docentes, “esta 15ª edición foi simplificada por motivo das limitacións de seguridade derivadas da covid-19, pero decidimos seguir adiante xa que, agora máis claramente ca nunca, está claro que o traballo do futuro será colaborativo e cunha importancia significativa no uso das TICs, porque será a forma na que poderemos enfrontarnos a grandes desafíos, agora, de ámbito global, como por exemplo a pandemia da covid-19 e o logro dunha vacina en tempo récord, nunca antes realizado”. 

Os 23 proxectos resultantes son froito do traballo dos grupos formados por estudantes de distintas ramas e especialidades das titulacións que se imparten la Escola de Enxeñaría Industrial. Todas as propostas xiran arredor da pandemia, abordando aspectos moi diferentes pero todos relacionados co día a día da cidadanía en xeral ou da comunidade universitaria en concreto. Por exemplo, un dos grupos decidiu estudar o coñecemento que a poboación ten sobre como desbotar as máscaras xa usadas; outro optou por deseñar un plan para optimizar o uso do comedor da EE de Minas e Enerxía incrementando a seguridade das persoas usuarias, mentres outro equipo propuxo un sistema de seguimento en tempo real de localizacións e capacidades dos espazos. Nesta mesma liña, outros traballos avanzaron na xestión e uso dos ximnasios ou do transporte público, na desinfección de superficies ou na seguridade nos ascensores así como a ventilación das aulas. Tamén se presentaron propostas que permiten avanzar na protección fronte ao virus, por exemplo a través dun espello intelixente que evite probar as prendas de roupa nos comercios; cunha aplicación informativa sobre as restricións, a incidencia e o rastrexo de casos positivos de covid-19 ou cunha alternativa aos códigos QR con tecnoloxía NFC para o rexistro de usuarios dun espazo. Outros proxectos centráronse na adaptación dun escola de surf ás condicións sanitarias actuais, na creación dun sistema de coche compartido para a comunidade universitaria ou nun sistema de verificación e control de capacidades nos locais de hostalaría. Dende outro punto de vista, un dos equipos apostou por deseñar unha aplicación adaptada para reducir os efectos psicolóxicos da covid-19 en persoas maiores.

Aprender a traballar de xeito colaborativo

Con esta experiencia de traballos colaborativos que se desenvolve cada cuadrimestre trátase, explican os docentes, “de que o alumnado aprenda a cooperar con outros profesionais de diferentes especialidades, para que unindo coñecementos sexan capaces de enfrontarse aos retos que se atoparán no seu futuro profesional”. Para facer posible esta colaboración entre diferentes especialidades da Enxeñaría Industrial aplícase a metodoloxía Design Thinking. 

O proxecto realízase no marco das actividades do Grupo de Innovación Educativa RED I+S, que se centra na investigación e a experimentación sobre procedementos educativos innovadores que impliquen unha mellora do rendemento académico do alumnado.