DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro celebra unha nova edición do seu Foro de Emprego

O alumnado de Enxeñaría Informática achégase ao mercado laboral

19 empresas do sector TIC participan na actividade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 24/04/2019

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense celebra os días 23, 24 e 25 de abril e 13 e 14 de maio a edición deste ano do seu Foro de Emprego. Nel alumnado do centro ten a oportunidade de entrevistarse con representantes de 19 empresas do sector TIC, que buscan captar talento para as súas entidades, e poder así valorar as opcións profesionais que teñen.  

“A idea é que o noso alumnado, que non ten problemas de integración no marcado laboral, poida neste foro coñecer de primeira man as empresas do sector. Iso dálle unha gran capacidade de decidir primeiro onde facer as súas prácticas curriculares e segundo valorar onde lle gustaría comezar a súa carreira profesional, vendo que empresa se adapta máis ao que busca ou en que tecnoloxía lle gustaría traballar”, comenta Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. O foro, indica, ofrécelle ás e aos estudantes a oportunidade de ter un contacto directo co sector, coas súas empresas e poder así comparar opcións.

O foro, apunta o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, celebra este ano a súa cuarta edición como tal, aínda que o centro leva oito anos desenvolvendo este tipo de iniciativas de empregabilidade. Dado o “incremento moi grande empresas” que solicitaron participar nesta edición, Francisco Javier Rodríguez sinala como este ano optaron por un formato máis amplo de días, que pode ser ampliable a xuño. En cada sesión, as empresas entrevístanse “con tempo” e en horario tanto de mañá como de tarde cos estudantes que previamente se apuntaron para coñecelas, podendo cada alumno ou alumna coñecer as empresas que desexe. O programa desta edición contou ademais este martes coas conferencias de Marcos Carbonell, director de Vitae Digital, e Inma García, directora de Gestión de Talento, que ofreceron unha panorámica do sector TIC en Galicia e das oportunidades que hai nel para o alumnado universitario.

Un encaixe mutuo

As empresas que participan no Foro de Emprego da Escola Superior de Enxeñaría Informática son Bahía Software, Avanti Servizos Informáticos, Qindel Formación e Servizos, Edisa, Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, Imatia Innovation, Teltek Video Research, Viewnext, Optare Solutions, Arbentia Consulting, Gradiant, Gbtec Software, Balidea Consulting&Programming, Sivsa Soluciós Informáticas, Televés, Redegal, Everis e Indra. Entre as que este mércores se achegaron ao campus estaba Qindel, empresa de desenvolvemento de software, que tal e como explicaba o seu membro Nito Martínez, acudía por primeira vez a este foro “buscando coñecer aos rapaces, escoitar as súas expectativas e ver se hai un encaixe mutuo”. Desde que hai dous anos abriron oficina en Ourense, apuntou, reciben en prácticas alumnado formado no campus e amósanse “gratamente sorprendidos do nivel que teñen”, estando xa algúns deles incorporados como traballadores.

Do mesmo xeito, Xoán Vidal, de Teltek Video Research, que desenvolve sofware de código aberto para universidades, acude por primeira vez a este foro aínda que xa teñen participado noutros foros de emprego da Universidade de Vigo, como o Foro Tecnolóxico ou a Finde.U. “A inmensa maioría dos nosos traballadores atopámolos neste tipo de recursos de busca”, sinalou, recalcando como as e os estudantes “veñen moi ben preparados”. En todo caso e dado que a súa empresa traballa con tecnoloxía moi concreta, Vidal explicou como “buscamos sobre todo estudantes que teñan as aptitudes e sobre todo as actitudes axeitadas. A formación específica xa lla damos nós”.

Entre os alumnos e alumnas que este mércores se achegaron ao foro estaba Jorge Pérez, alumno de terceiro curso. Como aínda non fixo prácticas, no seu caso decidiu realizar o percorrido por todas as empresas posibles no foro “para coñecelas e coñecer en que traballan e ir vendo cal se axusta máis ao que eu busco”. Da iniciativa, este estudante tamén salientaba tralas primeiras entrevistas a oportunidade que ofrece ao alumnado de entrar en contacto directo coas empresas.