DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa directora creativa, Tiziana Domínguez, impartiu un relatorio en Belas Artes

O alumnado de Esdemga mergúllase no período de introspección e cambio de Adolfo Domínguez

A deseñadora abordou a volta ás orixes nas creacións da firma 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/04/2019

Como un “período de introspección”, de volver "un pouco ás orixes” e de analizar que ten achegado ao panorama internacional da moda Adolfo Domínguez, unha empresa con 450 tendas en 29 países, presentou Tiziana Domínguez, directora creativa desta multinacional, o momento de “moitos cambios” que atravesa a firma, no relatorio que nesta xornada impartiu ao alumnado do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Nese senso e co propósito de achegar aos e ás asistentes as liñas que rexen a dirección creativa e o deseño das diferentes coleccións da firma, Domínguez presentou diferentes exemplos de coleccións e campañas, abordando desde o deseño dos patróns iniciais ao xeito no que as coleccións finais “se presentan ao cliente e aos demais públicos de interese, como pode ser a prensa especializada”.

“Para nós é algo moi positivo ter aquí a alguén que está a fronte dun proxecto coma este, que está agora nun momento moi doce e moi atractivo”, salientou a directora de Esdemga, Lola Dopico, dunha actividade que se completou cunha visita de Domínguez ás instalacións desta titulación da Facultade de Belas Artes e que esta deseñadora centrou no seu traballo á fronte dos equipos tanto de deseño como de comunicación de Adolfo Domínguez, 

De La arruga es bella a Piensa luego compra

“Na última década pecharon moitas firmas de moda, é moi difícil sosterse no tempo”, salientou Domínguez nun relatorio no que abordou algúns dos cambios vividos na compañía trala elección da súa irmá, Adriana Domínguez, como nova directora xeral. “Eramos unha empresa a piques de quebrar e agora estamos outra vez na senda dos beneficios, que é algo incrible para unha empresa que leva 42 anos”, salientou esta deseñadora, quen lembrou que na década de 1980 Adolfo Domínguez foi, baixo a dirección do seu pai, unha firma “tremendamente innovadora”, que representou unha transición ideolóxica e estética”, a través de campañas como La arruga es bella. “Baixo a estela de Adriana estamos volvendo un pouco á esencia”, sinalou Tiziana Domínguez, quen lembrou como “agora mesmo as novas campañas están englobadas dentro de Sé más viejo, que trata dos mesmos principios, de falar do que significa a sabedoría, do que significa con que valores temos que vivir”. Nese senso, aludiu a “valores de sustentabilidade, de minimalismo”, o cuestionamento da idea "de xuventude e beleza"  ou contrarios a un “consumo totalmente irracionalmente ou desbocado”, idea que a firma fixo presente na súa última campaña, Pensa luego compra, e o que este lema implica “para unha marca de moda”. 

Partindo desa mesma filosofía, Domínguez presentou tamén ao alumnado unha colección de edición limitada “baseada nun concepto de gender fluid, de xénero fluído”, relacionada coa idea, explicou, “de que crecemos sen cuestionarnos os conceptos de xénero que nos veñen dados”. Unha idea que serviu como punto de partida para unha colección “quilómetro cero”, realizada integramente en Ourense a partires de “restos pequenos de tecidos naturais, moi bos”, coas que se deseñou unha colección “de patronaxe único, para home e muller, e dúas tallas”.

Galicia como fonte de inspiración

A directora creativa de Adolfo Domínguez, quen se formou en arte e deseño no Leeds College of Arts e na Hampstead School of Art británicas e lembrou neste coloquio que “na miña vida previa quería ser pintora”, achegou así mesmo ao alumnado ás diferentes fases do proceso de elaboración da campaña primavera-verano, “baseada en Galicia”, da firma. Segundo explicou, a “crise interna” da compañía e os efectos que nesta tivo a crise económica levaron a Adolfo Domínguez a unha fusión de liñas, “para simplificar procesos e simplificar cal é a nosa proposta de mercado, a nosa visión”. Deste xeito, optouse por “Galicia como fonte de inspiración, porque queríamos recuperar a orixe de Adolfo Domínguez, o que nos fixeron ter un valor de mercado todos estes anos”.