Nun encontro celebrado este mércores co seu presidente e conselleiro delegado, Justo Sierra
Alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo achégase ao sector da seguridade e a defensa de man da empresa URO
É o primeiro dos Professional Brunch que organiza o centro este cuadrimestre
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense arrancou este mércores unha nova edición dos seus Professional Brunch, un espazo de encontro onde o alumnado pode coñecer de primeira man experiencias profesionais de interese para a súa formación e interactuar cos seus responsables. Nesta ocasión Justo Sierra, presidente e conselleiro delegado de URO Vehículos Especiales S.A. (Urovesa), ofreceu unha intervención na que afondou, a partir da experiencia da súa empresa, no papel estratéxico do sector da seguridade e a defensa e o seu impacto no desenvolvemento económico e social.
A iniciativa contou coa colaboración do Colexio de Economistas de Ourense, e arrancou coas intervencións da súa presidenta, Carmen Sampaio, e do decano da facultade organizadora, Jesús Vázquez. Desde a organización da actividade salientaron a oportunidade que ofrece ao alumnado este tipo de actividades, que lles permiten coñecer de primeira man grandes empresas e persoal directivo delas e interactuar directamente con eles, contribuíndo así a diferentes facianas da súa formación como futuros profesionais. Á cita asistiu principalmente alumnado dos diferentes graos do centro, onde se imparte Administración e Dirección de Empresas e Turismo e programas conxuntos, como ADE-Dereito.
150 millóns de euros de facturación anual
Tal e como puido coñecer o alumnado durante a sesión, nada en 1981, URO Vehículos Especiais SA preséntase como unha empresa referente no deseño, fabricación e posventa de vehículos todoterreo e especiais para uso militar e/ou industrial, sendo provedores do Ministerio de Defensa de España desde 1984. Conta con clientes de máis de 30 países de diferentes continentes e unha capacidade produtiva nas súas instalacións en Valga (Pontevedra) que pode alcanzar os 5000 vehículos/ano.
“Somos unha empresa fabricante de vehículos todoterreo para ámbito militar e civil, empregamos a unhas 450 persoas e temos unha facturación duns 140 ou 150 millóns de euros ao ano”, explicou Justo Sierra. Na actualidade, indicou, “estamos nun momento de crecemento da empresa” derivado “do contexto xeopolítico e da iniciativa europea neste eido”. Este crecemento empresarial, apuntou, está traendo consigo “xeración de máis emprego e tamén o investimento en instalacións”.
Na súa visita á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, o presidente e conselleiro delegado de Urovesa amosou a súa satisfacción por compartir este encontro co alumnado universitario e de poder presentarlle a empresa para a que traballa hai máis de 30 anos e que dirixe hai arredor de dez anos. “Poder explicarlle o que facemos e o que queremos facer e poder dialogar sobre iso co alumnado é moi interesante e achéganos máis á sociedade”, apuntou Justo Sierra.
Próxima cita, o 28 de setembro
A seguinte cita destes Professional Brunch será o luns 28 de setembro, tamén ás 10:00 h, na sala de xuntas do decanato de Ciencias Empresariais e Turismo. Neste caso, Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, impartirá a charla O Camiño de Santiago como laboratorio: turismo, xestión e decisións públicas. Nela, afondará nos retos e oportunidades que presenta o Camiño de Santiago como "referencia internacional na planificación e xestión turística".
