Nun proxecto de aprendizaxe-servizo que se leva a cabo en cinco materias dun mestrado
O alumnado da Facultade de Comunicación deseña unha campaña sobre violencia machista para a Subdelegación do Goberno
Centrada na poboación migrante
Divididos en cinco equipos, un grupo de 25 alumnas e alumnos do Máster en Dirección de Arte en Publicidade da Facultade de Comunicación traballará nas próximas semanas no deseño dunha campaña de concienciación sobre a violencia machista para a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, no marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS). Esta campaña terá como público obxectivo a poboación migrante, como acordaron na xuntanza que o estudantado mantiña nas últimas horas co subdelegado do Goberno, Abel Losada, e a responsable da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, María José Rodríguez. Definido xa o destinatario, as e os estudantes traballarán na estratexia e primeiras propostas de campaña, co obxectivo de presentalas dentro dos actos promovidos pola Subdelegación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O subdelegado do Goberno subliñou a importancia deste tipo de iniciativas para seguir concienciando na loita contra a violencia que sofren as mulleres polo feito de selo e fixo fincapé na idoneidade do tema escollido “porque nos preocupa especialmente a dobre vitimización que sofren as mulleres migrantes”. Nese senso, Abel Losada destacou que “desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra consideramos que este é un aspecto sobre o que a sociedade debe reflexionar e estamos encantados de contar coa participación do alumnado da Uvigo para afondar nesta problemática desde a perspectiva social”.
Coordinado pola decana da facultade, Emma Torres, este proxecto “consolida a colaboración” coa Subdelegación do Goberno, dando continuidade á experiencia xa desenvolvida o pasado curso e que levou ao alumnado do mestrado a deseñar campañas sobre a violencia machista en espazos de ocio. Apostando novamente pola metodoloxía de ApS, na que o estudantado adquire as competencias propias dunha materia desenvolvendo proxectos xunto a entidades e colectivos, a iniciativa abrangue este curso cinco materias do mestrado e foi seleccionada na convocatoria de proxectos en aprendizaxe-servizo no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Vicerreitoría de Extensión Universitaria.
Da reunión inicial ás pezas finais
Como sinala Torres, as diferentes fases deste proxecto permiten ao alumnado “aprender unha dinámica de traballo propia dunha axencia”. De feito, antes da súa “primeira reunión de traballo co que sería o seu ‘cliente’, estiveron xa traballando na preparación dese contacto” co profesor Vicente Badenes, no marco da materia Dirección e xestión publicitaria. A xuntanza cos responsables da Subdelegación tiña nese senso por obxecto coñecer as necesidades detectadas por esta institución, no marco das súas iniciativas de prevención, sensibilización e concienciación en materia de loita contra a violencia machista, e definir o público obxectivo das súas propostas.
A partir de aí, deberán traballar, divididos en cinco grupos, na definición das estratexias comunicativas que deberán plasmar nun briefing, documento no que presenten os aspectos clave dos seus proxectos e que presentarán posteriormente á Subdelegación. Esta fase de traballo insírese nas actividades da materia Planificación estratéxica, que coordina Torres, e dará lugar ao deseño “dos bocexos iniciais” das súas propostas de campaña, coa profesora Juli Molares, na materia de Deseño gráfico. A idea, apunta a decana, é que “o alumnado participe no acto do 25N da Subdelegación presentando os seus proxectos de campaña”, para que logo, “como se fose nun concurso público”, se escolla unha das ideas iniciais para o seu posterior desenvolvemento. “A partir de aí, o deseño dixital e audiovisual da campaña centrarase na idea elixida”, sinala Torres respecto da fase final deste ApS. Esta abranguerá a elaboración de pezas publicitarias, no marco tanto da materia de Deseño gráfico, como das de Deseño para medios dixitais e Creación publicitaria para medios audiovisuais, da man das docentes Beatriz Legerén e Silvia García Mirón, co obxectivo de que algúns dos resultados finais poidan ser empregados pola Subdelegación nas súas actividades de difusión.