DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Hai luces que non deberían apagarse nunca’ é un dos lemas que poderá verse na avenida de Madrid

O alumnado da Facultade de Comunicación e a ONG Educo levan as súas campañas sobre a protección da infancia ao Nadal de Vigo

As dúas propostas lembran que, cada segundo, 32 nenas e nenos sofren violencia no mundo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/12/2025

‘Hai luces que non deberían apagarse nunca’ e ‘Chea de risos, non de riscos’ son os lemas de dúas das campañas de sensibilización creadas por estudantes da Facultade de Comunicación en colaboración con Educo, unha ONG internacional que centra o seu labor na defensa dos dereitos da infancia. Estas iniciativas forman parte dun proxecto que levou a 25 estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas a deseñar unha serie de propostas dirixidas a concienciar á cidadanía da importancia do bo trato e a protección á infancia. As dúas campañas seleccionadas poderán verse nas próximas semanas en Vigo, nunha valla publicitaria situada na avenida de Madrid, e poñen o foco en que, cada segundo, 32 nenos e nenas sofren violencia no mundo.

As múltiples formas de violencia, moitas veces silenciadas, que sofren os nenos e nenas son nese senso o eixe central das dúas propostas xurdidas do traballo desenvolvido ao longo deste cuadrimestre polo alumnado da materia Comunicación solidaria, impartida polos docentes Susana Bastón e Xosé Baamonde. Baseándose na metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), na que o estudantado adquire as competencias propias dunha materia á vez que colabora cunha entidade ou colectivo, trátase do segundo ano no que estes docentes traballan xunto con Educo. Ao abeiro da convocatoria de axudas para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global da Dirección Xeral de Relacións Exteriores coa UE da Xunta de Galicia, Educo desenvolve o proxecto A protección na infancia dende a mirada da Axenda 2030. Unha ollada ao Sur (global) e ao ApS como camiño á transformación social, que ten como obxectivo contribuír ao impulso dunha cidadanía crítica e activa na defensa do dereito á protección da infancia, a través de iniciativas como o proxecto presentado este luns na Facultade de Comunicación.

A decana, Emma Torres, o voluntario de Educo Ramón Ferreño e as alumnas Nadia García e Sandra Recamán presentaron as dúas campañas seleccionadas, que poderán verse, durante 15 días cada unha, nunha valla situada na viguesa avenida de Madrid, unha das principais vías de acceso á cidade, pola que pasan diariamente “milleiros de persoas”, como lembrou Ferreño. 

De aí que a decana salientase a importancia dunha iniciativa que combina “comunicación e compromiso social” e que se insire na aposta da facultade polos proxectos de ApS, que permiten que “o traballo diario do estudantado teña unha aplicación real”. Torres subliñou así mesmo o “compromiso social” que deben asumir as e os futuros profesionais da comunicación, mentres que Ferreño salientou o “nivel de implicación” dos grupos de estudantes que tomaron parte neste proxecto, no que contaron co acompañamento da técnica de Educo Laura Álvarez ao longo destes meses. “En Educo levamos 30 anos traballando e reivindicando o dereito á educación de todas as nenas e nenos e reivindicar ese dereito é indisoluble de garantir a protección á infancia”, subliñou Ferreño, quen salientou a importancia de iniciativas como unhas campañas que “van ter un tremendo impacto social”, xa que permiten levar ese labor de “mover conciencias” a públicos "moi diferentes". 

“Hai luces que non deberían apagarse nunca” 

Baixo este lema, unha das campañas ten como obxectivo dar visibilidade “á situación que viven moitos nenos e nenas no noso país, que é a violencia infantil”, explicou Nadia García, encargada de presentar a proposta 'Hai luces que non deberían apagarse nunca'. Nela, empregaron cores asociadas ao Nadal, coa idea de que a cidadanía relacione esta proposta co “imaxinario festivo destas datas”, tendo en conta ademais que “Vigo leva anos converténdose nun dos epicentros mediáticos” por mor da súa iluminación. “Aproveitando este contexto”, este equipo de estudantes buscou establecer unha metáfora na que as luces representan “a esperanza e a inocencia das nenas e dos nenos, mentres que as sombras que as apagan simbolizan as diferentes formas de violencia e vulnerabilidade que sofren cada día”. 

“Chea de risos, non de riscos”

Sandra Recamán foi a encargada de dar a coñecer unha campaña que busca servir como “unha chamada á sociedade galega para protexer ás nenas fronte a todas as formas de violencia”, baixo o lema de 'Chea de risos, non de riscos'. A partir da imaxe dunha nena rindo, coa que buscan facer fincapé en que “a vulnerabilidade por razóns sociais e estruturais recae con maior frecuencia nas nenas”, esta proposta pon de relevo que a protección das e dos menores “é unha responsabilidade compartida”. O seu obxectivo, explicou, é “facer visible o que adoita permanecer oculto”, a través dunha “contraposición sinxela, pero poderosa”, na que os sorrisos proxéctanse como “a expresión máis recoñecible dunha infancia protexida”, fronte aos riscos que supoñen “múltiples formas de violencia; física, psicolóxica, sexual, dixital e institucional”.

Sete grupos de estudantes traballaron ao longo deste cuadrimestre no deseño de diferentes propostas, contando co asesoramento de técnicos de Educo. Trátase do segundo ano no que se leva a cabo esta colaboración coa ONG, que o pasado curso deu como resultado diferentes campañas de sensibilización, como as que puideron verse nos autobuses urbanos de Pontevedra e A Coruña. “Trátase dunha oportunidade para que o estudantado experimente en primeira persoa o proceso de conceptualización, produción e presentación pública dunha campaña real, cunha entidade de referencia no ámbito da protección da infancia”, sinalaron nese senso as e os estudantes participantes nesta edición-