DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través das pezas que elaborou nun seminario impartido por esta organización

O alumnado da Facultade de Comunicación súmase á campaña contra o discurso do odio da asociación Agareso

Tras recibir formación sobre a súa detección e a construción de “novas narrativas”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/03/2023

“Cal credes que é a responsabilidade da comunicación na loita contra o discurso do odio?”. Esta pregunta, que Uxía Pérez, técnica da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), trasladou ao alumnado da Facultade de Comunicación, constituíu o punto de partida dun seminario no que achega ao estudantado tanto unha serie de claves para a identificación, neste caso, de discursos sexistas, como estratexias para combatelo a través de “novas narrativas”. Enmarcada no proxecto Mocidade contra o discurso do odio, que Agareso desenvolve co financiamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, esta actividade complétase coa realización por parte do alumnado dunha serie de traballos que se incorporarán á campaña #Mudaoconto, que esta organización levará a cabo nas redes sociais ao abeiro deste proxecto.

Nesta iniciativa participa o alumnado da materia Teoría e práctica das relacións públicas, do Grao en Publicidade e RRPP, da man do profesor Xosé Baamonde, quen lembrou ao alumnado que, “como profesionais da comunicación, temos unha responsabilidade especial á hora de combater o discurso do odio”. A actividade arrancou o pasado xoves cunha primeira sesión na que Pérez presentou ás persoas participantes “cal é o panorama de desinfomración que temos, tanto a nivel mediático como de redes sociais”, para logo abordar “como identificar eses discursos do odio, que é o primeiro paso para poder denuncialos e combatelos”. Neste punto, esta xornalista puxo de relevo que, no referido “aos delitos de odio, existe un alto nivel de infradenuncias”, motivadas en parte porque “a xente moitas veces non sabe identificar estes discursos”, o que pode levar a “normalizalos”. 

Aposta por narrativas lonxe do dramatismo

Nas xornadas de luns e martes, o alumnado participou en diferentes grupos nunha segunda sesión de carácter práctico, “máis enfocada a como podemos combater o discurso do odio”, salientou a técnica de Agareso. Pérez puxo o foco na importancia de reflexionar sobre como e cando combater estes discursos, “porque o que non debemos é propagalos”. Nese senso, fronte a “contranarrativas” que ao tratar de rebater este tipo de mensaxes poden contribuír de xeito indirecto á súa propagación, avogou por “novas narrativas”, que leven “a cambiar a perspectiva”. Seguindo as propostas da Fundación porCausa, Pérez defendeu a articulación “dun discurso novo, baseado sobre todo no positivo”, de tal xeito que, en lugar de que situar os colectivos que poidan verse máis afectados por este tipo de discursos “no foco da vulneración e no dramatismo”, se aposte por “narrativas máis utópicas, que propoñan imaxinarios nos que realmente si exista unha equidade e unha xustiza social”.

Partindo deste marco, a última proposta era que o alumnado deseñase as súas propias pezas contra o discurso do odio, “que despois incorporaremos á nosa campaña de sensibilización”, explica. “A verdade é que, despois desta reflexión, sempre saen cousas interesantes”, recoñece Pérez dun traballo no que o alumnado tiña “liberdade” para dar forma tanto a traballos gráficos, como a publicacións para redes sociais ou pezas audiovisuais.  

Esta iniciativa insírese nun proxecto que Agareso puxo en marcha en 2021, Mocidade contra o discurso do odio, “no que traballamos cos novos e novas profesionais da comunicación” a través de seminarios nas tres universidades galegas e a posterior campaña de sensibilización, dirixida tamén ao alumnado. “Cremos que é un colectivo que ten tamén unha responsabilidade, porque estamos nunha posición de privilexio, digamos, á hora de difundir discursos e de combatelos”, subliña Pérez. Con esa idea, en cada edición do proxecto, a asociación pon o foco en “temáticas máis concretas”, dentro do discurso do odio, de tal xeito que, tras centrarse previamente no racismo e nos ataques contra persoas LGTBI, desta volta a actividade pon o foco “no odio por razóns de xénero”. Nese senso, desde Agareso lembraron no marco deste seminario que o sexismo “é unha das formas nas que se manifesta con máis frecuencia” o discurso do odio, sinalando datos como un estudo realizado por The Economist Intelligence Unit en 2020 cunha mostra de máis de catro mil mulleres de 45 países, das que preto do 65% afirmaba ter detectado “discurso de odio con presenza de linguaxe sexista” nas redes.