DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa está dotada con 41.200 euros por parte da UVigo e a Deputación de Ourense

O alumnado de grao do campus pode solicitar bolsas para desprazamento desde concello rurais

O prazo de presentación está aberto ata o 17 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 09/09/2025

A Universidade de Vigo ten aberto o prazo para solicitar as Bolsas Ourense Rural-Grao deste curso académico. O seu obxectivo é “atender o custo económico que supón a realización de estudos universitarios oficiais de grao para o alumnado empadroado en concellos rurais de Galicia distantes dos campus universitarios e con dificultades de conexión a través de medios de transporte habituais”. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 17 de setembro. 

Esta convocatoria forma parte "dun proxecto máis amplo de extensión da UVigo ao rural, coa finalidade de apoiar o desenvolvemento endóxeno das comunidades rurais, e en especial ao estudantado universitario que alí resida", en liña co plan estratéxico desta Universidade e coa Axenda 2030. Do mesmo xeito, tamén contempla o dereito do estudantado da Universidade de Vigo, de conformidade co establecido nos estatutos desta institución, a beneficiarse das distintas axudas e bolsas que a Universidade e outras institucións establezan ao seu favor coa finalidade de que ninguén quede excluído do estudo por razóns económicas. A iniciativa está dotada con 41.200 euros por parte da UVigo e a Deputación de Ourense ao abeiro do convenio anual de colaboración que se asina entre as dúas entidades. 

Ata 1000 euros

As axudas Bolsas Ourense Rural-Grao destinaranse a cubrir os gastos derivados do desprazamento do alumnado beneficiario desde o termo municipal da súa vivenda habitual ata o concello de Ourense, concedéndose ata un máximo de 200 euros (para desprazamentos de 5 a 9 Km), 400 euros (de máis de 9 Km a 29); 800 euros (de máis de 29 Km a 39) e 1000 euros (de máis de 39 km). A convocatoria establece entre os seus requisitos xerais para participar que o alumnado estea inscrito no padrón dos concellos de Galicia de 5000 habitantes ou menos agás o concello de Ourense, con 12 meses de antelación á finalización do prazo de presentación de solicitudes. 

Tamén hai unha serie de requisitos académicos, como estar matriculado en titulacións oficiais de grao en centros propios do campus de Ourense ou da Escola de Enfermaría de Ourense no curso 2025/2026 nun mínimo de 60 créditos ou da totalidade dos que lle permita a normativa da Universidade, agás no caso de alumnado con discapacidade de grao igual ou superior ao 65% que poderá reducir a carga lectiva ata un máximo de 50%. A data límite para realizar a matrícula será o 12 de setembro de 2025. Igualmente é necesario non estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dunha titulación do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os que se solicita a axuda. Por último, hai unha serie de requisitos económicos en canto a renda familiar e patrimonio.

Esta axuda é complementaria e compatible coa axuda ao estudo da UVigo e coa bolsa de carácter xeral do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Pola contra é incompatible con calquera outra axuda da mesma natureza e para a mesma finalidade. O importe das axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que de xeito illado ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o coste da actividade subvencionada segundo establece a Lei Xeral de Subvencións.