DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A convocatoria está dotada con 35.800 euros achegados pola UVigo e o Consello Social

O alumnado de grao do campus xa pode solicitar as axudas para desprazamento desde o rural

O prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de outubro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 28/09/2026

A Universidade de Vigo ten aberta unha nova convocatoria das bolsas Ourense Rural-Grao para o curso 2026/2027, destinadas a cubrir os gastos derivados do desprazamento do alumnado beneficiario desde o termo municipal da súa vivenda habitual ata o concello de Ourense. A iniciativa está dotada con 35.800 euros e o prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de outubro. 

Esta convocatoria forma parte "dun proxecto máis amplo de extensión da UVigo ao rural, coa finalidade de apoiar o desenvolvemento endóxeno das comunidades rurais, e en especial ao estudantado universitario que alí resida", en liña co plan estratéxico desta Universidade e coa Axenda 2030. Concretamente, está prevista no Plan Estratéxico de Subvencións da Universidade de Vigo como acción destinada ao cumprimento do obxectivo 26: captar estudantado con talento e garantir o acceso universal á educación pública universitaria.

As axudas están destinadas a compensar o custo económico que supón a realización de estudos universitarios oficiais de grao para o alumnado empadroado en concellos rurais de Galicia, distantes do campus universitario de Ourense e con dificultades de conexión a través de medios de transporte habituais. O importe máximo desta convocatoria é de 35.800 euros, achegados polo Consello Social da Universidade de Vigo, e Universidade de Vigo, co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. A convocatoria establece as seguintes contías de axuda: ata un máximo de 200 euros para desprazamentos de 5 a 9 Km; 400 euros (de máis de 9 Km a 29); 800 euros (de máis de 29 Km a 39) e 1000 euros (de máis de 39 km). 

Compatible coa axuda do Ministerio

Entre os requisitos xerais para participar están que o alumnado estea inscrito no padrón dos concellos de Galicia de 5000 habitantes ou menos agás o concello de Ourense, con 12 meses de antelación á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Tamén hai unha serie de requisitos académicos, como estar matriculado en titulacións oficiais de grao en centros propios do campus de Ourense ou da Escola de Enfermaría de Ourense no curso 2026/2027 nun mínimo de 60 créditos ou da totalidade dos que lle permita a normativa da Universidade, agás no caso de alumnado con discapacidade de grao igual ou superior ao 65% que poderá reducir a carga lectiva ata un máximo de 50%. As bases tamén establecen non ter sido beneficiario de bolsas Ourense Rural en cursos anteriores e un número máximo de seis bolsas concedidas para alumnado de grao da rama de enxeñaría e cinco para o resto de estudos. Igualmente é necesario non estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dunha titulación do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os que se solicita a axuda. Por último, hai unha serie de requisitos económicos en canto a renda familiar e patrimonio.

Esta axuda é complementaria e compatible coa axuda ao estudo da UVigo e coa bolsa de carácter xeral do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Pola contra é incompatible con calquera outra axuda da mesma natureza e para a mesma finalidade. O importe das axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que de xeito illado ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o coste da actividade subvencionada segundo establece a Lei Xeral de Subvencións.