DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nenos e nenas do CEIP A Xunqueira I exerceron como o xurado desta actividade

O alumnado do grao en Educación Primaria protagoniza un concurso virtual coas súas cancións e coreografías

Preto de 40 estudantes participaron nesta iniciativa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Música
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/12/2020

Univisión 2020 é o título que a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Inés Lareo e a docente do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro deron ao concurso virtual no que preto de 40 alumnas e alumnos do grao en Educación Primaria interpretaron unha serie de cancións en inglés, acompañadas das súas correspondentes coreografías. De avaliar as súas actuacións encargouse un xurado integrado por nenos e nenas de terceiro de primaria deste colexio, que na tarde deste martes contemplaron, a través dunha plataforma virtual, as diferentes actuacións que o alumnado universitario gravou en vídeo para esta actividade.

Este concurso virtual, explica Lareo, forma parte da avaliación continua da materia Lingua inglesa e a súa didáctica e busca achegar ao estudantado universitario “unha oportunidade de traballar directamente cos seus futuros alumnos e alumnas”, permitíndolles “ver as súas reaccións e escoitar os seus comentarios”, de tal xeito que poidan coñecer “se o que tiñan en mente deu ou non o resultado que agardaban”. Os nenos e nenas, alumnos da profesora Carmen Quinteiro, foron de feito os responsables de pór nota a súa actuación e seleccionaron como gañador o vídeo das estudantes Oliva Fernández e Saray Pascual, despois de máis de dúas horas de concurso virtual que se completaron coa proxección dun vídeo, fóra de competición, no que Noemí Pérez e Pablo Gesteira incluíron a colaboración dos propios nenos e nenas. “A finalidade da actividade non era que cantar ben, nin mellorar as capacidades musicais, senón enfrontarse a unha situación nova para eles”, así como “tratar de mellorar a súa pronunciación en inglés”, engade Lareo.

Un "bo rato" para despedir o trimestre

Esta iniciativa dá continuidade ao concurso virtual que, o pasado curso, Lareo promoveu coa colaboración de Quinteiro co alumnado do grao en Educación Infantil, aínda que nesta ocasión limitándose unicamente a cancións e coreografías. Se aquela actividade fora inicialmente concibida para levarse a cabo de xeito presencial, algo que impediu a covid-19, nesta ocasión a proposta naceu como unha iniciativa integramente virtual. De feito, antes de que os alumnos e alumnas preparasen as actuacións que na tarde deste martes puideron coñecer os nenos e nenas que integran o xurado, estes previamente achegaran a través de pequenos vídeos as súas recomendacións aos e ás participantes, aos que lles pedían, como lembra Lareo, “cancións con ritmo”, bailes e “disfraces coidados”, ao que os universitarios e universitarias sumaron tamén nalgúns casos a incorporación da lingua de signos, dada a presenza entre o xurado dunha nena con problemas auditivos.

Deste xeito, esta iniciativa buscaba amosar ao alumnado universitario que “poden aprender moitas cousas fóra do ámbito da aula”, así como contribuír a que nenos e nenas poidan “desenvolver o seu sentido crítico, xa que teñen que valorar diferentes aspectos das actuacións”. Mais, ao mesmo tempo, coincidindo co peche do primeiro trimestre na escola, esta actividade buscaba tamén “pasar coas familias un bo rato que nos distancie un pouco desta situación que estamos vivindo”.