DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do programa Educar en Xustiza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Alumnado do Grao en Tradución e Interpretación coñece o sistema xudicial desde dentro

90 estudantes asistiron a xuízos da Sección Civil do Tribunal de Instancia de Vigo 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 13/04/2026

O alumnado do Grao en Tradución e Interpretación ten nos ámbitos xudicial e xurídico dúas saídas profesionais para nas que na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo poden formarse con materias específicas, ademais de ter a posibilidade de participar unha vez ao ano na Xornada de Linguas, tradución e cousas xurídicas, organizada xunto á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, e nas que especialistas do dereito e da tradución e interpretación xurídicas afondan en diversos aspectos da profesión.

“Ademais de que a tradución xurídica e a interpretación xudicial  son saídas laborais moi relevantes, consideramos que coñecer o sistema xudicial por dentro sempre é importante para calquera persoa”, sinala Alberto Álvarez Lugrís, docente e investigador do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo. Álvarez Lugrís xunto a outros docentes da FFT acompañou este pasado venres, a uns 80 estudantes dos tres primeiros cursos do Grao en Tradución e Interpretación a varios xuízos da Sección Civil do Tribunal de Instancia da Vigo, celebrados na macrosala da Cidade da Xustiza. 

Ao abeiro do programa Educar en Xustiza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, este é o segundo ano que o alumnado do Grao en Tradución e Interpretación asiste a xuízos e visita a Cidade da Xustiza, “onde poden coñecer de primeira man o funcionamento da xustiza, as persoas que participan nela, a súa terminoloxía, os diferentes tipos de procesos, etc…”, detalla Álvarez Lugrís.

Interpretación para persoas estranxeiras e tradución de documentación

Co gallo da actividade desenvolvida este venres na Cidade da Xustiza de Vigo, o docente e investigador da UVigo lembra que sempre que nun xuízo intervén algunha lingua que non sexa a vehicular dese momento precísase de tradución e interpretación e en igualdade de condicións. “Precísanse intérpretes cando, por exemplo, ten que declarar unha persoa estranxeira que no fala galego ni español; e se algunha das partes presenta como proba calquera tipo de documento que redactado nunha lingua estranxeira, tense que traducir igualmente”, explica Álvarez Lugrís.

A tradución de distintos tipos de documentación resulta igualmente necesaria cando se solicita unha comisión rogatoria para o auxilio xudicial internacional, é dicir, cando un xulgado solicita formalmente a axuda dunha instancia xudicial estranxeira para que practiquen calquera tipo de actuación xudicial, como probas, notificacións, extradicións, etc.

E hoxe, III edición da Xornada de Linguas, tradución e cousas xurídicas

Precisamente o alumnado interesado en afondar na relación entre os ámbitos xurídico e lingüístico pode participar este luns na terceira edición da Xornada sobre linguas, tradución e cousas xurídicas, organizada por un equipo de docentes das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Filoloxía e Tradución co obxectivo de mellorar as oportunidades de formación e especialización do estudantado, afondando no coñecemento do campo xurídico para poder exercer a tradución e interpretación xuradas e tamén a tradución e a interpretación xurídicas; así como na comprensión dos dereitos lingüísticos das persoas implicadas en procesos xudiciais, o coñecemento das directivas sobre a linguaxe clara do poder xudicial etc. 

Na xornada participan dous expertos internacionais con ampla experiencia en tradución xurídica no ámbito das institucións da UE, Germán Ramos Ruano, xurista-lingüista do Consello da UE, recentemente xubilado e Ignacio Garrido Rodríguez, xefe de Unidade na Dirección Xeral de Tradución da Unión Europea. Ramos Ruano abordará o réxime lingüístico da UE, mentres qeu Ignacio Garrido falará sobre o presente e o futuro da tradución na Dirección Xeral de Tradución. Pola súa banda o docente da Facultade de CC Xurídicas e do Traballo José Manuel Pacho Blanco achegará unha intervención titulada Sobre a lingua e o Dereito como ferramenta epistémica e o director de Miñor consultoría, Julio César García fará o propio con outra ponencia titulada  Alén das letras pequenas. Seguros para entender(nos).