DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade celebrou este venres unha xornada virtual de orientación profesional

Alumnado de Historia familiarízase coas saídas laborais da súa titulación

Egresadas e egresados explicaron as súas traxectorias en diferentes sectores

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 13/11/2020

No ensino, na arqueoloxía, en bibliotecas ou museos… O exercicio profesional dun egresado ou egresada en Xeografía e Historia pode abranguer un amplo abano de posibilidades. Co obxectivo de que o alumnado dos últimos cursos desta titulación da Facultade de Historia do campus de Ourense coñecese de primeira man as oportunidades que ten en diferentes eidos laborais, o centro organizou este venres unha Xornada de Orientación Profesional. A través do Campus Remoto da UVigo, diferentes profesionais, entre eles antigos alumnos e alumnas desta facultade, explicaron as súas traxectorias profesionais e o traballo que realizan.

Na inauguración da cita, Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, salientou como esta xornada xa é “unha tradición” na programación anual do centro que nace da convicción de que “é fundamental a orientación profesional do alumnado”. Nesta ocasión, apuntou, a iniciativa pasa a un formato virtual polas medidas de loita contra a covid-19 pero mantense a súa celebración coa idea de que “a pandemia non nos pare”.

A xornada arrancou cunha sesión sobre estratexias para a busca de emprego a cargo de Mª Reyes Fernández, técnica superior en orientación laboral da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo. Na súa  intervención, Mª Reyes Fernández subliñou ao alumnado presente como “para ter unha busca de emprego máis eficaz hai que ter un obxectivo profesional e moitas veces os obxectivos profesionais non se elaboran da forma máis correcta porque se descoñecen as saídas profesionais”. Á hora de afrontar esta busca de emprego, a relatora explicou a importancia fundamental de marcarse “un obxectivo profesional, porque vós ides buscar un emprego, non calquera emprego”, facendo fincapé na necesidade de buscar un traballo que se adapte ao perfil profesional, gustos e vocación de cada un pero tamén á realidade do mercado laboral. “Buscar emprego é un emprego, require planificación, estratexia e tempo”, recalcou Mª Reyes Fernández, animando ao alumnado presente a aproveitar iniciativas coma a xornada celebrada este venres.  

Falando en primeira persoa

Tras a intervención de Mª Reyes Fernández, sete profesionais do eido da historia contaron de primeira man como foi a súa busca dun oco no mercado laboral, a súa traxectoria e o traballo que actualmente realizan. Bea Nieto e Borja Campos explicaron a súa experiencia en ensino secundario e Adolfo Fernández no ensino universitario. Da investigación como unha carreira de fondo falou a arqueóloga da UVigo Patricia Valle. Desde o ámbito privado, Martiño Vázquez expuxo ao público asistente como é posible, no seu caso sendo socio fundador de Xeitura Coop, traballar no eido do patrimonio cultural. Do ámbito das bibliotecas participou Fernanda Barros, técnica da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense, e desde o dos museos Pilar Núñez, técnica do Museo Arqueolóxico de Ourense.

Entre as e os participantes, Pilar Núñez aconselloulle aos estudantes presentes que estivesen “abertos a moitas posibilidades, porque o que a priori non vos gusta ao mellor si vos acaba gustando”. O importante, recalcou, “é que vos formedes, cantas máis actitudes e aptitudes teñades, mellor. A historia parece que a priori é un mundo moi limitado pero para nada. Tendes un campo amplísimo de posibilidades. O importante é coñecelas e chegar a elas”. Así, animou ao alumnado  a aproveitar oportunidades como as que ofrece o convenio que ten o Museo Arqueolóxico de Ourense coa UVigo para a realización de prácticas de grao e mestrado neste museo.