DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coas plantas de carballos e bidueiros que este xoves colocaron na parcela de acceso

O alumnado do IES A Xunqueira II fai medrar a riqueza arbórea do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 31/03/2022

Máis de 350 exemplares de 58 especies de árbores poden atoparse nas diferentes parcelas do campus pontevedrés, cuxa riqueza vexetal suma desde esta xornada a contribución do alumnado do IES A Xunqueira II. Xunto coa profesora e vicedirectora María de la O Paz Mucientes, un grupo de 28 estudantes de 1º da ESO achegouse este xoves ata a parcela de entrada ao campus con máis de 90 plantas de carballos e bidueiros, que eles e elas mesmos plantaron no marco dunha actividade que levaron a cabo coa colaboración do Green Campus e que se insire no programa Naturézate, incluído no Plan Proxecta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. 

Como explica Paz, este programa busca contribuír ao “fomento da concienciación do noso alumnado cara a conservación da natureza e o coñecemento da Rede Natura 2000, prestando especial atención ao coñecemento da diversidade de especies”. No marco desta iniciativa, o instituto acolleu a pasada semana unha charla sobre espazos protexidos por parte de persoal da Consellería, que lles proporcionou tamén unha serie de plantas de carballos e bidueiros que este xoves levaron ata a parcela 1 do campus, situada a carón do seu instituto e á que terán que retornar nos próximos días, xa que a idea é que realicen “un diario de seguimento da súa árbore”, explicou Paz.

Para esta plantación contaron coa colaboración do Green Campus, cuxo responsable, Carlos Souto, destaca o positivo de acoller iniciativas como esta, acorde “coa filosofía” de concienciación e educación ambiental deste programa. “Plantar unha árbore é unha obriga que todos temos ao longo da vida e se o fan rapaces, mellor, porque serán os que tomarán as decisións no futuro”, salientou Souto.