Estudantes estranxeiros participaron nunha xornada sobre igualdade organizada pola Vicerreitoría
O alumnado internacional axuda a construír unha UVigo libre de violencias machistas
O obradoiro foi impartido por Bárbara Tardón Recio, investigadora e activista
Coincidindo coa celebración esta pasada fin de semana do Día Internacional da Muller, a Vicerreitoría de Internacionalización organizou hoxe xoves a segunda edición da II Xornada de igualdade para o estudantado internacional. Esta iniciativa, en liña co compromiso da Universidade de Vigo por acadar unha sociedade xusta e igualitaria, busca fortalecer a conciencia colectiva e dotar as persoas asistentes de ferramentas prácticas para previr e actuar fronte á violencia machista no ámbito universitario. A encargada de dar a benvida ás e aos estudantes participantes foi a vicerreitora de Internacionalizacion, Maribel del Pozo, que puxo en valor que a igualdade e a internacionalización son dúas das liñas estratéxicas da Universidade de Vigo, dous dos seus piares.
A xornada comprendeu dinámicas participativas, estudos de caso e espazos de reflexión colectiva, co fin de crear unha experiencia enriquecedora para todas as persoas asistentes. A encargada de impartir o taller, titulado Avanzando en igualdade: construíndo unha UVigo libre de violencias machistas, foi Bárbara Tardón Recio, doutora en estudos interdisciplinares de xénero pola Universidad Autónoma de Madrid, investigadora e activista feminista experta en violencia sexual e de xénero. Tardón foi asesora da secretaria de Estado de Igualdade Soledad Murillo e posteriormente da Ministra de Igualdade Irene Montero ata 2023.
Na sesión abordou a situación da igualdade e a violencia contra as mulleres en España e o seu papel como país pioneiro na loita pola igualdade de xénero. Tamén se analizou o papel do feminismo e das institucións públicas na consecución de dereitos fundamentais para as mulleres e o proceso de transición do Do non é non ao si é si reflexionando sobre o concepto de consentimento e a importancia de establecer límites claros e respectuosos. Ademais, Tardón tamén lles presentou ás e aos estudantes os recursos de atención para as mulleres tanto que ofrece a UVigo como os que están dispoñibles no ámbito local para apoiar as mulleres en situacións de violencia.