DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Levaron ao Instagram ‘The Love Song of J. Alfred Prufrock’

Alumnado de Linguas Estranxeiras converte en imaxes un dos poemas máis emblemáticos de TS Eliot

Para a profesora Teresa Caneda os resultados amosan “unha comprensión” do poema “que non esperaba"

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 22/05/2025

A priori, non semella que unha maridaxe entre un dos poemas máis emblemáticos da tradición literaria inglesa e as redes sociais sexa unha proposta sinxela. Pero un grupo de estudantes de 4º do Grao de Linguas Estranxeiras conseguiron levar a bo porto este arriscado reto e fixérono, segundo recoñece a súa profesora, “con nota”.

A idea parte da docente Teresa Caneda, que buscaba o xeito de que o seu alumando se interesase por TS Eliot, un autor de comezos de século XX ao que moitos consideran “escuro e difícil”. A súa idea inicial era que os estudantes conseguisen converter en imaxes o poema The Love Song of J. Alfred Prufrock, de 1917. O alumnado asumiu o desafío e crearon unha conta de Instagram específica co nome do protagonista do poema onde cargaron as súas traducións visuais, que tamén presentaron en público o derradeiro día de clase da materia Movementos Culturais e Literarios da Primeira Lingua Estranxeira. 

O proxecto realizárono divididos en nove equipos, encargándose cada un deles dunha parte do poema, para o cal debían xerar as imaxes que o acompañan e recitalo sobreexpoñendo a voz co texto. A meirande parte dos grupos, detalla Caneda, “elaborou unha esmerada xustaposición de imaxes, como facía Eliot”, xa que os versos deste poema, como o propio autor explicou nos seus ensaios teóricos, “constrúense a través da creación de imaxes concretas que remiten a obxectos ou escenas coas que se busca producir de xeito simultáneo unha resposta intelectual e unha reacción emocional”. Isto mesmo, remarca a docente, “podería entenderse como a base do código de comunicación que subxace ao funcionamento de Instagram e foi algo que as e os estudantes entenderon moi ben”.

Un reflexo dos paralelismos entre os comezos do século XX e do século XXI

Teresa Caneda explica que leva anos ensinando este poema e buscando o xeito de espertar o interese entre o alumnado. Como relata a docente, Eliot comeza a escribir este texto, “que é fundamentalmente unha expresión do desacougo do individuo ante a crise do mundo moderno, cando era estudante de doutoramento na Universidade de Harvard, con só 21 anos”. O autor convida ao lector “a seguir a Prufrock, un suxeito indeciso, paralizado polo medo a equivocarse, a ser xulgado, a parecer ridículo e atrapado na súa propia incapacidade para decidir. A grande ironía é que, se ben o título anuncia de xeito grandilocuente un canto de amor, o poema, que é unha proxección da mente de Prufrock, retrata un personaxe fráxil, vulnerable e mesmo patético que está lonxe dos heroes románticos”. Segundo Caneda, Eliot expresa así “que os patróns tradicionais da poesía, pero tamén do pensamento e dos comportamentos vitais herdados do século pasado, xa non serven ante os novos dilemas da vida moderna na que as grandes certezas se tambalean”. Polo tanto, con este texto “rompedor”, Eliot rebélase “fronte o pasado nunha época chea de conflitos sociais e políticos, como a nosa, e de cambios radicais tamén por mor da introdución de novas tecnoloxías”. Ese é o paralelismo que a profesora Caneda trata de transmitir ao seu alumnado, que forma parte  da chamada "xeración de cristal" e que ten moito en común co “protagonista inseguro, dubitativo e fráxil do poema”.

Iniciativa pioneira con resultados “impresionantes”

Para Caneda, este foi un proxecto “sumamente orixinal e pioneiro desde a perspectiva metodolóxica” e “único nas universidades do Estado”  e os resultados foron “impresionantes”, amosando “unha comprensión e traballo co poema que non esperaba”. A bo seguro “nunca van esquecer este poema nin este autor fundamental do século XX, nin o que representou no seu momento nin como continúa a falarlle ás lectoras e lectores do século XXI”. 

Ademais, a docente tamén pon en valor a aposta das Humanidades para ofrecer un “ensino actualizado e en consonancia co mundo e a sociedade actuais”, neste caso aproveitando as novas tecnoloxías para “reinventarnos e innovar”.