A convocatoria está financiada con 15.000 euros polo Campus Auga
O alumnado de mestrado do campus procedente de concellos rurais pode solicitar bolsas de desprazamento
É o primeiro ano que se realiza esta iniciativa
A Vicerreitoría do Campus de Ourense convoca por primeira vez as bolsas de desprazamento Ourense Rural-Mestrado. Están destinadas a axudar nos seus gastos a alumnado matriculado en estudos de mestrado universitario neste campus no curso 2024/2025 que resida en concellos rurais de Galicia.
A iniciativa está dotada con 15.000 euros polo Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. A solicitude realizarase a través do formulario en liña dispoñible na páxina web da Universidade, estando o prazo de presentación aberto ata o 31 de marzo de 2025 ás 23.59 horas (hora peninsular española). O obxecto destas axudas, recóllese nas súas bases, é atender o custo económico que supón a realización de estudos de mestrado universitario para o alumnado empadroado en concellos rurais de Galicia distantes dos campus universitarios e con dificultades de conexión a través de medios de transporte habituais.
Requisitos
Entre os requisitos para ser unha das persoas beneficiarias están estar matriculado en titulacións de mestrado universitario en centros propios do campus de Ourense no curso 2024/2025 nun mínimo de 60 créditos ou da totalidade dos que lle permita a normativa da universidade, agás no caso de alumnado con discapacidade de grao igual ou superior ao 65% que poderá reducir a carga lectiva ata un máximo de 50%. Tampouco se deberá estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dunha titulación do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os que se solicita a axuda. Ademais de cumprir unha serie de requisitos en canto ao seu patrimonio e renda familiar, o estudantado deberá estar inscrito no padrón dun concello de Galicia de 5000 habitantes ou menos con 12 meses de antelación á finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Esta axuda é complementaria e compatible coa axuda ao estudo UVigo e coa bolsa de carácter xeral do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes convocada por Resolución do 13 de marzo de 2024. É incompatible con calquera outra axuda da mesma natureza e para a mesma finalidade. As bolsas destinaranse a cubrir os gastos derivados do desprazamento desde o termo municipal da vivenda habitual ata o concello de Ourense, cun máximo por axuda de 200 euros (de 5 a 9 km de distancia); 400 euros (de máis de 10 km a 29 km); 800 euros (de máis de 30 km a 39 km) e de 1000 euros (de máis de 40 km).
A iniciativa segue a filosofía das bolsas de desprazamento Ourense Rural-Grao, que xa se veñen convocando desde hai uns anos co apoio nese caso tanto do Consello Social da Universidade de Vigo como da Deputación de Ourense.