DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes da Universidad Anáhuac Xalapa fórmanse desde este luns en CCSS e da Comunicación 

Alumnado mexicano afonda no campus nas claves da dirección pública e empresarial

A primeira conferencia correu a cargo do director xeral de Políticas Culturais da Xunta

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 06/05/2019

Achegarse á realidade diaria do labor directivo, tanto no eido empresarial como no público, da man de responsables de diferentes empresas e institucións, constitúe o eixo central do Curso de Alta Dirección en Empresas e Comunicación que desde este luns reúne na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a estudantes de posgrao da Universidad Anáhuac Xalapa, situada no estado mexicano de Veracruz. O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, foi este luns o encargado de impartir a conferencia de apertura dun curso que nos próximos días achegará tamén ao campus ao xerente da Asociación de Hospitais de Galicia (Ahogal), José Ramón Santamaría, ao director do Ifevi, Arsenio Prieto, ou ao director de Comunicación e RRPP de PSA Peugeot Citroen Vigo, Pedro Hortas.

Coordinado polos profesores da facultade Pedro Pablo Gutiérrez e Julinda Molares, trátase da oitava edición dun curso ao que acoden neste 2019 nove estudantes dos mestrados en Economía e Negocios e Comunicación Corporativa e Mercadotecnia da universidade mexicana. “A idea é que xente que ten altas responsabilidades lles fale un pouco da súa actividade”, explica Gutiérrez dun curso que a facultade acolle desde 2009 no marco da colaboración con esta universidade mexicana “que busca tamén que o seu alumnado estableza conexións con Europa”, motivo polo que este docente pon de relevo o valor que, máis aló das diferentes conferencias, ten tamén “o intercambio” que implica esta iniciativa, “que lles permite tamén coñecer unha universidade europea”.

“Para nós é moi importante a internacionalización dos nosos alumnos”, engade nese senso Araceli Hernández, coordinadora do mestrado en Economía e Negocios da Universidad Anáhuac Xalapa dunha actividade que se estende ata o vindeiro martes 14, “que completa a formación académica” de alumnado que se atopa preto de completar os seus estudos de posgrao, á vez que lles permite “coñecer certos aspectos da cultura española”, así como “ter unha visión global da economía nun contexto global no que España é un gran referente para nós”.

Da estratexia ao traballo diario

A primeira conferencia do curso correu a cargo de Anxo Lorenzo, quen abordou co alumnado a súa propia experiencia como director xeral na Xunta co propósito de achegarlles "ás ferramentas que un necesita tanto para o traballo diario como para o traballo estratéxico”, neste caso, na alta dirección pública. Nese senso, Lorenzo, quen exerceu previamente como secretario xeral de Política Lingüística e secretario xeral de Cultura, lembrou aos e ás asistentes a importancia do “traballo interno, que non sae fóra pero que serve de pegamento, digamos, do labor que realizas”, así como na necesidade de manter unha “interacción permanente cos diferentes sectores”, neste caso ligados ao eido cultural, “coñecer as súas expectativas, as súas demandas e os seus problemas e intentar resolvelos e acompañalos no que sexa necesario”. Lorenzo puxo así mesmo o acento na importancia da “definición dunha estratexia global de departamento”, así como no valor das dinámicas de traballo interno, na importancia da xestión da comunicación e imaxe de marca e na necesidade de “saber combinar traballo estratéxico e traballo diario” como unha serie de recomendacións aplicables a calquera persoa que ocupe un posto directivo. 

Conferencias, coloquios e visitas

O director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López Pereira, protagoniza, na tarde deste luns a segunda das conferencias dun curso que o martes abordará a xestión hospitalaria, de mans do xerente de Ahogal, José Ramón Santamaría; a dun recinto feiral como o Ifevi, nun coloquio con Arsenio Prieto; e a negociación con xogadores de fútbol, nun debate no que participarán o avogado e axente Fifa Pablo Estévez e o avogado e asesor de xogadores Javier Picallo. Tras unha visita a Santiago de Compostela, o curso continuará o xoves abordando a idea do personal branding, nunha conferencia da deseñadora e profesora Julinda Molares, para deterse logo na “xestión da comunicación nunha marcoempresa”, na conferencia de Pedro Hortas. Xa o venres 10, o programa do curso inclúe un almorzo coloquio en Vigo co director xeral do Círculo de Empresarios-Club Financeiro de Vigo, Víctor Jáuregui, así como unha recepción na sede do Real Club Celta; mentres que o luns 13 a directora de márketing do club vigués, Maruxa Magdalena, impartirá unha conferencia na facultade. Nesa mesma xornada, o empresario José Manuel Barbosa achegará aos e ás asistentes á xestión dunha empresa hoteleira, mentres que o martes 14, o curso complétase cos relatorios do secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), Enrique Mallón, e do profesor da facultade Xosé Rúas, quen abordará as claves da comunicación electoral.