DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Debido ao peche ao público da Biblioteca Rosalía de Castro polas medidas sanitarias

O alumnado pode participar desde a casa na Olimpíada Solidaria de Estudo

As súas horas de estudo convértense nesta iniciativa en diñeiro solidario

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 08/02/2021

Desde o 18 de xaneiro e ata o 18 de febreiro, a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense participa un ano máis na Olimpíada Solidaria de Estudo, iniciativa internacional organizada por ONGD Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC. Nela, as horas nas súas salas de estudo transfórmanse en diñeiro solidario para unha boa causa. Debido ás medidas de loita contra a covid-19, a biblioteca está pechada ao público pero as persoas interesadas poden continuar participando nesta iniciativa desde a casa. A recadación deste ano destinarase a un proxecto de axuda a nenas e mulleres vítimas de violencia sexual na República Democrática do Congo.

Desde a Oficina de Voluntariado do campus de Ourense explican que as e os estudantes interesados en participar unicamente teñen que escribir un correo electrónico a voluntariado-ou@uvigo.es e desde aí se lle remitirá un código QR e indicacións de como teñen que facer para participar. Cada participante, explican, só terá que apuntar as horas de estudo realizadas na casa e cada unha desas horas “doada” será transformada en diñeiro polas entidades patrocinadoras da olimpíada, diñeiro que a organización destinará a financiar o proxecto de cooperación elixido nesta 18ª edición. Sen coste algún para as e os participantes, desde a Oficina de Voluntariado animan a toda a comunidade universitaria a colaborar nesta acción “de sensibilización e solidariedade” a través da cal xuventude e empresas poden participar e comprometerse con proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

Axuda a vítimas de violencia sexual no Congo

O diñeiro conseguido nesta olimpíada destinarase á formación de persoal médico para a atención psicolóxica e o psiquiátrica de mulleres e nenas vítimas da violencia sexual en Lwiro, Kivi Sur, na República Democrática do Congo (África). O proxecto, detallan desde a organización, “vai a reforzar a resilencia e benestar xeral de 215 nenas e mulleres vítimas da violencia sexual no marco dun conflito non resolto, mellorando a calidade e acceso aos bens e servizos de saúde primaria e mental baixo un enfoque de dereitos”. Concretamente, a recadación destinarase á construción dun centro médico de asistencia sanitaria primaria, a equipamento e á formación a persoal médico para brindar servizos de recoñecementos médicos e determinar as condicións físicas e psicolóxicas das beneficiarias.

Segundo destacan desde Coopera, que desenvolve desde fai sete anos en Kivi Sur un programa de apoio a nenas e mulleres vítimas de violencia sexual, neste enclave “a muller non é considerada como un ser humano, senón un obxecto de uso e abuso”. O conflito, detallan, “está alimentado pola posesión dos recursos naturais da rexión, entre eles as minas de coltán, mineral imprescindible para a fabricación de teléfonos e ordenadores”. A violencia, engaden, “ten sido considerada unha arma de guerra pero tamén, á marxe do conflito, como unha forma de presión ás familias e incluso como un ritual de maxia para conseguir a protección contra a sida”.