Proxecto promovido polo CIM en colaboración con atlanTTic e a Facultade de CCSS e da Comunicación
Alumnado de primaria e secundaria fai as súas achegas ao videoxogo de Misión Azul
70 estudantes do CP Alborada e do IES Valadares probaron as mecánicas do xogo con dous personaxes
O proxecto Misión Azul continúa avanzando nos seus obxectivos de alfabetización científica mariña dun xeito ameno e actual. Arredor de 70 rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria do Colexio Plurilingüe Alborada e de 1º da ESO do IES Valadares de Vigo desfrutaron estes días en primicia dos primeiros avances do videoxogo educativo creado ao abeiro do proxecto promovido polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo en colaboración con atlanTTic e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e cofinanciado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Ao longo de dúas xornadas, o alumnado destes dous centros puido ver algunha das escenas coas que contará o videoxogo e probar as mecánicas do personaxe principal, Blu, urbanita do seu tempo, sempre á última en tecnoloxías, que vai pasar o verán á casa dos seus avós nun pobo mariñeiro nunha pequena illa atlántica. Durante as probas os rapaces e rapazas foron enchendo un formulario con diferentes preguntas sobre a ficción, a interfaz e outros aspectos do xogo de Misión Azul e fixeron algunhas valoracións, opinións e achegas que se poderán incorporar ao proxecto.
“O videoxogo é unha ferramenta didáctica cun potencial enorme. Empregar fórmulas interactivas e próximas ás inquietudes e gustos que ten a mocidade hoxe en día é a mellor forma para trasladar á sociedade actual e futura temas de gran relevancia e impacto social en materia de cambio climático no ámbito mariño”, salienta Antonio Pena, investigador de atlanTTic e membro do equipo que presentou o xogo nas aulas.
Trátase dun videoxogo de exploración e combate, onde o xogador ou xogadora deberá resolver diferentes problemas que van aparecendo ao longo do xogo para axudar a Blu a frear a paulatina degradación da illa na que se atopa. Para iso contará coa axuda da Doutora Mar e dos consellos do seu avó, un pescador xa retirado. Unha aventura na que o usuario ou usuaria irá coñecendo a diferentes personaxes aos que convencer a través dos coñecementos sobre cambio climático e o perigo dos océanos que se van adquirindo ao longo do xogo.
A experiencia resultou moi positiva para todo o alumnado. Rapaces e rapazas destacaron a trama do xogo e que se trate dunha ferramenta interactiva, entretida, intuitiva e con gran presenza da parte ilustrativa para continuar a historia. Sacar partido á súa imaxinación para construír diferentes elementos, a expresividade dos personaxes e mesmo a identidade de Blu, un personaxe que non se define nin como rapaz nin como rapaza, foron outros dos aspectos que máis chamaron a atención entre o estudantado de primaria e secundaria. O equipo do proxecto Misión Azul volverá ás mesmas aulas cando o videoxogo estea rematado para que poidan xogalo de forma máis ampla e dar a súa opinión sobre o resultado. Por outra banda, a finais de setembro visitarán varios centros educativos de Vigo, Tui, Pontevedra e Vilaboa para que proben o xogo e poder recoller máis impresións e achegas.
Innovación para concienciar
Misión Azul é un proxecto innovador que fusiona catro disciplinas como as TIC, as ciencias mariñas, a comunicación e a didáctica para crear un videoxogo para achegar a ciencia e a tecnoloxía dun xeito ameno, directo e divertido a rapaces e rapazas e facelo extensivo ao resto da sociedade. Como sinala Daniel Rey, director do CIM-UVigo e investigador principal do proxecto, esta iniciativa nace tamén “co obxectivo de promover vocacións STEM espertando na nosa mocidade a curiosidade e a preocupación por explorar, descubrir, explicar, contrastar e resolver”.
Por este motivo o videoxogo complementase con dúas unidades didácticas e outra serie de ferramentas didácticas “enfocadas a todas aquelas persoas que acompañan a rapaces e rapazas durante a súa educación e que lles permitirá seguir afondando en contidos sobre os sete principios básicos da alfabetización oceánica, os efectos do cambio climático sobre o océano ou sobre o papel da investigación na súa prevención, mitigación e xestión”.
Para esta adaptación didáctica dos contidos científicos, a profesora da facultade de CCSS e da Comunicación Beatriz Legerén traballa man a man con persoal docente e investigador do CIM-UVigo e con Alberto García, docente experto na introdución de proxectos de investigación no sistema educativo e representante na Unión Española de Cooperativas de Enseñanza (UECE), que aglutina a 600 cooperativas de ensinanza e centros educativos a nivel nacional.
A actividade investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.