DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia ofrecida polo catedrático Carlos Martínez-Buján

Alumnado e profesorado de Dereito achégase a unha nova concepción da teoría xurídica penal

Centrouse na concepción significativa do delito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 28/10/2022

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da conferencia Un novo sistema penal: a concepción significativa de acción, ofrecida por Carlos Martínez-Buján, catedrático de Dereito Penal da Universidade da Coruña. A intervención foi presentada pola profesora e vicedecana do centro Francisca Fernández Prol e por Javier de Vicente Remesal, catedrático de Dereito Penal da Universidad de Vigo, que destacaron a dilatada traxectoria do convidado. A iniciativa forma parte da programación do Curso de Actualización Xurídica da Facultade de Dereito ourensá, no que se abordan temáticas de actualidade e transversais ás diferentes áreas do dereito.

Na súa intervención, Carlos Martínez-Buján “expuxo un dos sistemas máis modernos, por non dicir o máis moderno, que explica o que denominamos teoría xurídica do delito, que é o instrumento a través do cal un xuíz, na práctica, chega a impor unha sanción penal a un suxeito”. Sobre isto, sinalou o catedrático, “teñen existido diversas concepcións baseadas en sistemas filosóficos”. Neste contexto, a concepción da teoría xurídica do dereito exposta polo relator baséase na filosofía da linguaxe de Ludwig Wittgenstein, na filosofía ou metodoloxía de Jürgen Habermas e na teoría do delito elaborada a partir dos presupostos destes dous filósofos polo profesor Vives Antón, que foi mestre do relator. “Chegamos a unha ordenación que a min me parece lóxica, clara e didáctica da teoría xurídica do delito”, afirmou poñendo tamén o aceno en como con ela téñense chegado “a conclusións prácticas en determinados aspectos discutidos, e que teñen sido examinados pola xurisprudencia do Tribunal Supremo, pero cunha fundamentación coherente e non incorrendo en contradicións ou erros”. Entre outros aspectos, apuntou a importancia do sistema analizado no dereito penal económico e da empresa, en temas como a responsabilidade dos administradores de sociedades, asesores fiscais ou supostos relacionados coa responsabilidade de persoas xurídicas.