DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha exposición de 14 paneis divulgativos sobre esta temática

Alumnado e profesorado da Facultade de Ciencias implícase na concienciación sobre a problemática da resistencia aos antibióticos

A partir de xaneiro a mostra viaxará a diferentes centros educativos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Ourense 21/11/2024

No eido divulgativo e de responsabilidade social, a Área de Microbioloxía da Universidade de Vigo está moi implicada na concienciación sobre a problemática da resistencia microbiana aos antibióticos, levando a cabo diferentes iniciativas ao longo de cada curso académico. Entre elas, acaba de pór en marcha unha actividade de aprendizaxe-servizo chamada DivulSuperBac.

DivulSuperBac é un proxecto xurdido na Universitat de València, coordinado por Belén Fouz e Sergi Maicas, que se está expandido por outras universidades españolas. No caso da UVigo a iniciativa está coordinada desde a Facultade de Ciencias, concretamente desde a Área de Microbioloxía e o GID Mundo Microbio, polas profesoras María José Pérez e Julia Carballo. O primeiro paso foi que alumnado de materias de Microbioloxía da citada facultade fixo a tradución ao galego dos paneis da mostra de DivulSuperBac titulada A ameaza das bacterias multiresistentes aos antibióticos.  

A exposición está formada por un conxunto de 14 pósters nos que a aborda a citada problemática desde múltiples puntos de vista, desde como se chegou a ela e a situación en eidos como o agrícola e o hospitalario ata as alternativas existentes aos antibióticos ou como a cidadanía pode contribuír á busca de solucións. Os paneis teñen un carácter divulgativo e visual. Coincidindo coa celebración este mes da Semana Mundial de Concienciación sobre a Resistencia aos Antimicrobianos, promovida pola Organización Mundial da Saúde, a mostra estará ata principios de decembro na entrada do edificio Politécnico do campus, aberta a todas as persoas interesadas. A partir de xaneiro percorrerá diferentes centros educativos, a onde o alumnado universitario implicado nesta iniciativa achegarase para axudar a concienciar a rapazas e rapaces de Secundaria e Bacharelato sobre a importancia dun bo uso dos antibióticos.